Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

8 de junio de 2017

OS COCIÑEIROS DO "GRUPO NOVE", MEDALLA CASTELAO 2017











Xosé Ramón Gayoso, Xusto Beramendi, Cristina Pato, o Oceanográfico de Vigo e o Grupo Nove, Medallas Castelao 2017, segundo vén de aprobar o Consello da Xunta. Os galardóns entréganse o vindeiro 28 de xuño.


JUSTO BERAMENDI
Nado en Madrid, cursou estudos de Enxeñería Industrial nesa cidade (1959-1967), de tradución en Barcelona (1969-1974) e o Doutorado en Historia en Santiago de Compostela (1987). Posteriormente foi catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, da que tamén foi vicerreitor (1990-1994).
Consagrou a súa vida académica ao estudo das ideoloxías e o nacionalismo, de feito, entre as súas obras figuran estudos sobre as figuras de Vicente Risco, Manuel Murguía ou Alfredo Brañas, ademais do monumental ensaio De provincia a nación: Historia do galeguismo político. Este último valeulle o Premio Nacional de Ensaio 2008.
Xubilouse no ano 2012 aínda que non abandonou a actividade intelectual, actualmente preside a xunta rectora do Museo do Pobo Galego do que foi cofundador. Ademais, é membro fundador da Fundación Castelao e director da sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco.
CRISTINA PATO
É titulada superior de Piano, titulada superior de Teoría da Música, Transporte e Acompañamento e titulada superior de Música de Cámara polo Conservatorio Superior de Música do Liceo de Barcelona. Ademais, realizou o Máster en Artes Dixitais da Universidade Pompeu Fabra e un doutoramento en Artes Musicais en Piano Colaborativo na Universidade Rutgers de Estados Unidos.
Esta ourensá foi a primeira muller gaiteira en publicar, con tan só 18 anos, un álbum en solitario, Tolemia. Posteriormente publicou outros 6 discos como gaiteira solista e dous máis como pianista.
En 2017 fixo historia ao recibir un Grammy xunto coa banda Silk Road Ensemble coa que actualmente colabora en Nova York.


CENTRO OCEANOGRÁFICO DE VIGO
Este centro centenario leva a cabo un importante traballo de formación de investigadores e técnicos sobre o medio mariño, polo que é moi habitual que estudantes de FP realicen prácticas na institución. Tamén é habitual ver traballando alí a profesionais doutras institucións nacionais e internacionais.
Desenvolve a súa actividade investigadora no ámbito dos recursos mariños, dos problemas relacionados coa oceanografía e a contaminación do medio mariño.
Na actualidade o Centro Oceanográfico de Vigo é o máis grande dos nove centros do Instituto Español de Oceanografía cun equipo de 119 persoas e forma parte do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar.
GRUPO NOVE
Este colectivo de cociñeiros leva desde 2003 reivindicando a modernidade e a vixencia da nova cociña galega, sen renunciar ás orixes da vangarda gastronómica e combinando o mellor da tradición e a innovación.
O grupo, inicialmente composto por nove cociñeiros, foi medrando ata acadar os 24 membros e 18 restaurantes que actualmente o compoñen. Todos eles suman oito estrelas Michelin e 18 soles Repsol e, co seu labor, engaden valor á marca Galicia situando o noso país no mapa.
XOSÉ RAMÓN GAYOSO
Forma parte da historia viva da Televisión de Galicia, cadea na que comezou a traballar desde o mesmo día da súa inauguración, en 1985, a carón da falecida Mercedes Bouzón.
Desde entón, presentou programas como Entre nós, Boa noite, Lúa nova, O veciño do xoves, Corazonada, Adiviña quen vén esta noite, e Pensando en ti. Pero terminou por consagrarse como un dos rostros máis recoñecidos da nosa televisión da man do programa Luar.
Antes de iniciar a súa traxectoria televisiva, foi lanzador de martelo, avogado e compoñente do dúo musical Keltia, co que lanzou o LP Choca esos cinco.

 



No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.