Dende a Concellaría de Cultura do Concello de Cambados volverá a poñerse en marcha, un ano máis, o Plan Madruga “Os primeiros do cole” neste curso 2017-2018. Este programa vai dirixido a aquelas familias que debido as súas obrigas teñen dificultades para poder deixar aos seus fillos e fillas á hora de entrada no colexio.
O Plan Madruga “Os primeiros do cole” iniciarase por primeira vez co comezo do curso escolar, o vindeiro 11 de setembro e desenvolverase durante todo o curso lectivo. Realizarase en colaboración coas direccións de cada centro educativo no que se acade un mínimo de 10 nen@s. Terá un horario de inicio de 7:45 horas ata o comezo das clases. Durante este tempo, os monitores recibirán aos nen@s e realizarán actividades e xogos. A utilización deste servizo terá un custo para o/a usuario/a de 4 € ao mes.
Para acollerse a esta actividade será condición indespensabele cubrir unha solicitude que está a disposición de todas as familias interesadas no Rexistro do Concello de Cambados ou na Biblioteca Municipal Luís Rei. O prazo de presentación de ditas solicitudes será do 20 de xuño ao 31 de xullo e realizarase atendendo ás seguintes indicacións:
• A persoa interesada deberá achegarse á Oficina da Tesourería no primeiro andar da Casa Consistorial. Alí fará efectivo o primeiro pagamento de 4€ para que a súa solicitude sexa admitida a trámite, emitíndose o correspondente recibo.
• A continuación presentarase coa solicitude cuberta e a documentación requerida, na Oficina do Rexistro, sita na planta baixa do Concello. O horario de atención ao público será de luns a venres de 8:30 a 14:30 horas.
De entre a documentación que se solicita destaca un certificado de empresa que acredite a necesidade de facer uso deste servizo, aínda que tamén se poderán atender, de no cubrirse as prazas, aquelas peticións puntuais nas que as circunstancias familiares así o esixan, como ter persoas maiores ao cargo, ou atencións médicas continuadas, debendo achegar igualmente a xustificación correspondente.
O ingreso económico non faculta ás persoas interesadas para acceder á actividade; porén deberán agardar ao 21 de agosto, data na que se publicarán as solicitudes admitidas. Darase prioridade a aquelas familias, nas que traballen os dous proxenitores e precisen deixar aos seus fillos todo o curso escolar dende as 7:45-8:00 horas. A aquelas persoas non admitidas reembolsaráselles na conta aportada na inscrición o pagamento realizado.
Para maior comodidade, a partir do segundo mes de uso do servizo, permitirase o pagamento a través de domiciliación bancaria de novembro a xuño, ou trimestralmente. Tamén poderá realizarse na Oficina de Tesourería. O pagamento deberá efectuarse nos 5 días anteriores ao comezo do mes para o que se inscriba ao nen@.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.