O prazo de inscricións na segunda das "Depo Andainas" por Cambados abre este luns 26 de xuño
Nesta actividade de balde que organiza a Deputación de Pontevedra poderán participar 300 persoas que coñecerán a cultura vitivinícola da vila o vindeiro 9 de xullo
Este luns 26 de xuño abre o prazo de inscricións para todas as persoas interesadas en asistir gratuitamente á vindeira ruta das "Depo Andainas". A segunda parada deste ciclo, que comezou pola Illa de Arousa e O Carreirón o 18 de xuño, chegará nesta ocasión ao sendeiro natural da Pastora-Umia en Cambados, o vindeiro 9 de xullo. Nesta actividade poderán participar un total de 300 persoas.
A andaina comezará ás 9:30 horas desde o Monte da Pastora e terá unha duración de catro horas cun percorrido de arredor de sete quilómetros, con dificultade baixa. A ruta terá a cultura vitivinícola como protagonista, afastándose da zona monumental de Cambados, e nela poderase ver a desembocadura do río Ulla maila ría de Arousa ata a Illa de Sálvora, desenvolveranse visitas ás ruínas de Santa Mariña e ao Museo Etnográfico do Viño… Ademais, desenvolveranse actividades paralelas como un xogo de identificación de flora e fauna e demais elementos de importancia arquitectónica, etnográfica e de interese medioambiental.
O programa "Depo Andainas", que vive este ano a súa segunda edición tralo cheo absoluto do ano pasado, cando se esgotaron as prazas, ten por obxectivo impulsar hábitos saudables, promover o turismo deportivo e de territorio, as actividades ao aire libre e poñer en valor a riqueza medioambiental, etnográfica, cultural e patrimonial da provincia de Pontevedra.
A ruta de Cambados, ademais, forma parte do convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Pontevedra e o concello de Cambados dentro da posta en valor da elección da vila do Salnés como a Cidade Europea do Viño 2017. Posteriormente desenvolveranse outras tres rutas nos meses de setembro e outubro, a primeira delas nas Illes Cíes, a segunda en Tui co Camiño de Santiago e, en último lugar, en Soutomaior.
As persoas interesadas en participar nesta andaina de balde, que terá lugar o 9 de xullo, poden inscribirse a partir deste luns 26 e ata o vindeiro 5 de xullo no seguinted enlace http://www.depo.es/depo-andainas/cambados-sendeiro-natural-da-pastora-umia
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.