Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

5 de abril de 2017

CAMBADOS CIDADE EUROPEA DO VIÑO 2017 CHEGARÁ A AMÉRICA












A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, acompañadas polo deputado provincial de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios,  inauguraron un coloquio do proxecto Smartpeme centrado na transformación dixital e as novas tendencias na comercialización en liña do sector do viño. A xornada foi a primeira das actividades desenvolvidas pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do convenio asinado con Cambados por mor do seu nomeamento como Cidade Europea do Viño 2017, "un recoñecemento para o concello, pero tamén para todo O Salnés e toda a provincia de Pontevedra", tal e como afirmou Carmela Silva.

Para a presidenta da Deputación o nomeamento de Cambados como Cidade Europea do Viño "é un logro acadado por todas as mulleres e homes que, década tras década, xeración tras xeración, veñen traballando no sector vitivinícola, unha das grandes tradicións da nosa provincia que é ten hoxe un enorme potencial económico".  En concreto, Silva subliñou que "en Galicia hai cinco denominacións de orixe que facturaron 225 millóns de euros e comercializaron preto de 40 millóns de litros dos que a denominación de orixe Rías Baixas supón o 56%, é dicir, falamos de 126 millóns de €".  Amais, a presidenta provincial achegou datos relativos á exportación do sector vitivinícola asegurando que "as cinco denominacións de orixe galegas comercializaron 7,7 millóns de litros e facturaron 39 millóns de euros sendo, os viños Rías Baixas, o 81% do total do viño galego exportado, é dicir, falamos de 6,2 millóns de euros".

Respecto aos datos aportados, Silva manifestou que "non se entende que haxa administracións que miren para outro lado e non apoien a Cambados polo seu nomeamento como Cidade Europea do Viño" e detallou algunha das actividades que a Deputación de Pontevedra vai promover ao longo do ano. Máis polo miúdo, a presidenta Provincial engadiu que amais desta xornada sobre novas tecnoloxías aplicadas ó sector vitivinícola, "imos desenvolver outras moitas actuacións relativas á promoción cultural, traendo un gran festival musical a Cambados e convertendo á vila nun dos eixos de promoción turística do destino Rías Baixas baixo o lema Cambados, Cidade Europea do Viño, orgullo dunha provincia".  Así, Carmela Silva adiantou que mañá en Madrid, xunto á alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, presentarase a aposta turística de cara ao 2017 que se centrará nos seis camiños cara Compostela que discorren pola provincia, nos festivais Rías Baixas e no enoturismo, aspectos nos que Cambados terá un papel protagonista.

Amais, a presidenta da Deputación tamén deu a coñecer outras accións promocionais nas que Cambados estará presente, como a presentación turística que a institución provincial desenvolverá en Lisboa, en Oporto e nos centros galegos europeos e americanos de París, Toulousse, Brasil ou Arxentina.

Para a presidenta da Deputación a primeira actividade desenvolvida pola institución ao abeiro do convenio asinado con Cambados por mor do seu nomeamento como Cidade Europea do Viño 2017 tiña que ter relación coas novas tecnoloxías. Neste contexto, Silva asegurou que "cómpre que as bodegas e o sector vitivinícola se sumen ás novas tecnoloxías porque estas ferramentas están a permitir, neste mundo global no que vivimos, xerar máis eficacia, eficiencia, aforro de custes e dotar ás nosas empresas de maior capacidade de internacionalización e comercialización, pasando da alta calidade que xa temos á excelencia".

Pola súa banda, a Alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, agradeceu "o apoio incondicional da Deputación de Pontevedra ao concello de Cambados en todos os eidos, que se pode ver no propio slogan que a institución está a empregar e que expresa o que significa para a Deputación o noso nomeamento: Cambados, Cidade Europea do Viño, orgullo dunha provincia".

Baixo o paraugas do proxecto SmartPeme, a primeira actividade da institución provincial organizada ao abeiro do convenio asinado con Cambados por mor do seu nomeamento como Cidade Europea do Viño 2017 xirou arredor de dúas mesas redondas. A primeira delas abordou a xestión dos viñedos e bodegas mediante o emprego de novas tecnoloxías e, a segunda, centrarase nas novas vías e tendencias de comercialización do viño a través de Internet. En concreto, na primeira das xornadas falouse sobre a implantación de solucións con software libre, sobre monitorizar o estado das vides a través das novas tecnoloxías e sobre plataformas concretas que están a permitir transformar o sector do viño.  Pola súa banda, a segunda das xornadas permitiu ás persoas asistentes coñecer aplicacións no mercado relativas ó comercio electrónico e á xestión de stocks, ó deseño web así como ás achegas que as novas tecnoloxías aportan á comercialización en liña do sector vitivinícola.

Esta xornada SmartPeme foi a primeira das accións contempladas no protocolo de actividades que asinaron a Deputación de Pontevedra e o Concello de Cambados o pasado mes de marzo. A través del, a institución provincial comprometeuse a desenvolver actuacións vinculadas ao deporte, á cultura, ao turismo e á igualdade, entre outros eidos, cun investimento situado en preto de 70.000 €.








No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.