Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

27 de septiembre de 2016

PRESENTADO O NOVO PLAN DIRECTOR DE TURISMO RIAS BAIXAS












A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo Vicepresidente, César Mosquera, e o deputado delegado de turismo, Santos Héctor Rodríguez, presentou esta mañá, o Plan Director de Turismo Rías Baixas que marca a nova política turística a levar a cabo pola institución provincial.  
Ante representantes de todo o sector turístico, alcaldes, alcaldesas e concelleiros e concelleiras da provincia, Carmela Silva destacou que "a partir deste momento, e por vez primeira na Deputación de Pontevedra, a política turística que desenvolveremos se vai facer de forma pensada e planificada, procurando o consenso cos concellos e o sector privado co obxectivo de converter ás Rías Baixas nun referente turístico nacional".
A Presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que "temos que estar convencidos de que a nosa provincia ten grandes potencialidades porque estamos nunha terra privilexiada para o turismo, polas bondades con que a natureza nos dotou, dende as rías, ata as illas, unha terra verde, fértil e infestada de cursos de auga, un mar prodixioso e a mellor climatoloxía do norte de España". Ademais, Carmela Silva recordou "a nosa historia e os activos que nos fan fortes como sociedade", entre os que destacou a gastronomía, os viños, as infraestruturas modernas e competitivas, o aeroporto de Peinador, as vilas e cidades, a arquitectura contemporánea e os propios festivais Rías Baixas.
Silva enxalzou tamén o sector turístico da Provincia, denominándoo "o motor do sector turístico galego". Neste eido subliñou que se o turismo é un sector clave na economía da provincia, pola súa achega ó PIB e pola súa capacidade de xerar emprego e benestar, os seus obxectivos son tamén os da provincia. Por este motivo, Carmela Silva propuxo ó público presente construír "un destino forte, cunha boa marca, ben situado e ben promocionado para convertelo nun escenario máis favorable e con maiores perspectivas para o traballo individual da empresa turística".
Para acadalo – tal e como manifestou a Presidenta da Deputación de Pontevedra- "a nosa misión pasará por escoitar, acompañar e apoiar ó sector turístico público e privado, desde o aloxamento, ata a restauración, oferta complementaria e comercializadores, traballando da man, unindo intereses e tamén impulsando Rías Baixas como marca inclusiva de toda a provincia de Pontevedra". Neste contexto, Carmela Silva asegurou que a política promocional da Deputación estará orientada "ós produtos turísticos nos que están a traballar os operadores da provincia, desde o tradicional sol e praia ata o turismo urbano, turismo de reunións e eventos, turismo cultural, turismo de natureza, turismo enogastronómico, turismo náutico, termalismo, o camiño de Santiago, os festivais ou calquera outro segmento de produto no que se estea a traballar na provincia".
Ademais, o novo Plan Director de Turismo aposta por unha política de comunicación orientada a incrementar a presenza da marca Rías Baixas nos mercados prioritarios e unha política de relacións institucionais orientada á colaboración con organismos e axentes con responsabilidade en materia turística, desde os propios concellos, ata a Xunta de Galicia e as cámaras municipais do Norte de Portugal. "Soamente xuntos – tal e como manifestou a Presidenta da Deputación de Pontevedra- participando e colaborando permanentemente, man a man, todos os axentes turísticos da provincia e institucións, conseguiremos converter a Rías Baixas nun referente turístico nacional".
Nesta mesma liña se posicionou o Vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, que subliñou que "o gran reto das Rías Baixas é traballar todos unidos para a mellora da profesionalidade, impulsando a capacitación do sector e evitando os erros acometidos noutros destinos".
Pola súa banda, o deputado delegado de turismo, Santos Héctor Rodríguez, salientou que o turismo é unha das grandes apostas do goberno da Deputación. Por elo, tal e como manifestou Rodríguez, "impulsamos un cambio radical nas políticas turísticas da institución, apostando por estratexias modernas, vangardistas, innovadoras, nas que os concellos e o propio sector sexan os protagonistas da promoción, decidindo aquilo que queren divulgar e pensando sempre no retorno económico para as Rías Baixas".
O Plan Director de Turismo, tal e como manifestou o deputado delegado de turismo, "marca un antes e un despois no establecemento de políticas públicas, pensadas e planificadas, en materia de turismo e contribuirá a que os excelentes resultados deste verán se multipliquen e contribúan a relanzar o turismo como motor da economía da provincia de Pontevedra".
A Deputación de Pontevedra escolleu o Día Mundial do Turismo para presentar o seu Plan Director de Turismo. Este ano, a Organización Mundial do Turismo centrouse na accesibilidade para esta conmemoración debido a que o 15% da poboación do noso planeta ten diversidade funcional. Neste contexto, o deputado delegado de turismo, Santos Héctor Rodríguez subliñou a necesidade de "impulsar políticas públicas que aposten pola accesibilidade, tanto na información, como nos transportes ou  nos propios recursos, algo no que xa estamos a traballar na Deputación, porque queremos que toda a cidadanía teña a oportunidade de viaxar, de gozar das experiencias que se poden vivir nas Rías Baixas, de coñecer os recursos turísticos da nosa provincia, de que reciban información accesible, sen ningún tipo de obstáculo".


No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.