A organización do festival Revenidas de Vilaxoán, no concello de Vilagarcía de Arousa, presentou hoxe a programación da súa décimo terceira edición, que se desenvolverá do 19 ao 21 de agosto. O encontro reforza a súa aposta pola mestizaxe a través dunha oferta internacional de máis de 30 concertos e 35 actividades culturais e recreativas para todos os públicos.
Co sobrenome de O Festival das Linguas, o encontro contará con dous escenarios nos que soarán, entre outros, os ritmos balcánicos da banda romanesa Fanfare Ciocarlia, unha das pioneiras e máis recoñecidas no seu estilo; o rapeiro brasileiro Gabriel O Pensador, toda unha institución musical no seu país; o ska festeiro do grupo italiano Talco; o rock reivindicativo dos valencianos La Raíz; e os temas contundentes de Russkaja, a banda austríaca de maior repercusión internacional. Haberá tamén unha destacada representación galega, con nomes como Malandrómeda, Familia Caamagno, Poetarras, O Sonoro Maxín ou Cuchufellos.

O festival volverá desenvolverse arredor de dúas localizacións principais: o recinto pechado onde se instalarán os escenarios Mahou e Turismo Rías Baixas para acoller os concertos de pago; e o parque Dona Concha, no porto de Vilaxoán, onde terá lugar a meirande parte das actividades de balde para todos os públicos. Entre estas últimas, destaca a Sardiñada Popular, o Xoubiñas Festi para os máis pequenos, a Gala Solidaria do Circo, a feira de artesanía, intervencións artísticas para conmemoras o Ano Castelao, ou actividades en embarcacións co obxectivo de difundir o patrimonio cultural mariñeiro.
Os bonos de tres días para o Revenidas 2016 están xa á venda en liña, a través do web www.ticketea.com, e fisicamente nos establecementos asociados. Por outra banda, a organización habilitará varias zonas de acampada libre para as persoas que dispoñan destes bonos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.