O Pleno da Deputación aprobou destinar 410.000 euros deste expediente de modificación de crédito a tres actuacións nas igrexas de Santa María do Mosteiro, San Clemente de Sisán e Santa Cruz de Castrelo: 250.000 euros serán para restaurar a igrexa de Meis; o resto, para acondicionar a torre da igrexa de Sisán, en Ribadumia, e reparar o templo de Castrelo, no concello de Cambados.
En colaboración co Arcebispado de Santiago de Compostela e o Concello de Meis, a Deputación asinará un convenio para restaurar esta capela do século XII.
Na actualidade a igrexa de Santa María do Mosteiro presenta importantes problemas de humidade polo mal estado de conservación da cuberta do templo. Por iso é necesaria a súa reparación, co fin de evitar as filtracións de auga que deterioran tanto o interior da igrexa coma as súas portas de acceso. A actuación prevista inclúe, ademais, a substitución da carpintería interior do templo, danada por esas humidades.
A igrexa de Santa María do Mosteiro é unha das máis representativas do Románico galego na comarca do Salnés, da que cómpre destacar a súa fachada, que recorda á Orde do Císter, pero sen rosetón. No século XVI o templo pasou a pertencer á Orde dos Cabaleiros de San Xoán.
Restauración da torre da igrexa de Sisán
A segunda das actuacións é a reparación da torre da igrexa de San Clemente de Sisán, moi deteriorada polo paso do tempo, a calidade dos materiais empregados na súa construción e os efectos da vibración das campás sobre a estrutura.
Segundo unha inspección técnica realizada polo Arcebispado de Santiago de Compostela, esta mala conservación do campanario pon en risco a seguridade e estabilidade da torre, polo que é necesaria a súa reparación.
A actuación aprobada polo Pleno da Deputación o pasado 24 de abril tamén inclúe, nesta partida do expediente de modificación de crédito, a reparación da igrexa parroquial de Santa Cruz de Castrelo, en Cambados, un templo que data de finais da época barroca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.