Previsión, cero
Un artigo de Víctor Caamaño protavoz
do B.N.G. no Concello de Cambados.
No pleno Ordinario de decembro aprobamos o Orzamento Municipal para o ano 2015 e, hai poucos días, se lle deu o aprobado definitivo co exclusivo voto a favor do PP. Onte, tamén co único voto a favor do PP, aprobouse un expediente de creto por valor de 211.137 €. A razón para a presentación deste foi que, a día de hoxe, xa non existe creto suficiente nas partidas correspondentes do Orzamento 2015, que se ven de aprobar. Ante esta situación non é de estrañar que o BNG, no correspondente pleno, dixera que o Orzamento 2015 carecía totalmente de previsión e planificación e en moi poucos días pasou a demostrarse. E non estamos a falar de que hai que pagar gastos inesperados, senón que, por exemplo, aí temos os gastos de mantemento de centros escolares, gardería e conservatorio con case 30.000 €, cando o BNG leva anos (nesta ocasión tamén) dicindo que se debe ampliar a partida para mantemento de centros escolares xa que todos os anos se queda tremendamente escasa. O mesmo ocorre co mantemento de distintas instalacións municipais e os seus consumos enerxéticos; gastos que se repiten todos os anos e que, polo tanto, non se deben contemplar como un gasto imprevisto.
E que se pode dicir dos 42.256 € en festexos, cando o BNG ten criticado que xa a partida orixinal de preto de 300.000 €, está sobredimensionada. Por certo, eses 42.256 €, foron gastos que non aparecen entre os que o Concello entregou ao BNG na solicitude de gastos da Festa do Albariño (se lles esqueceu?). Pero ademais, como é posible que te collan por sorpresa os gastos de máis de 5.000 € da Pulpería Aurora (xantar do Albariño) ou os máis de 8.000 € das actuacións de D´Tacón? Se estes son os gastos de todos os anos, non poden ser imprevistos para quen leva no concello un cuarto de século.
O máis gracioso é saber que os cartos para pagar os gastos de 211.137 € sairán do remanente de tesourería. É lóxico que se nos orzamentos non teñen en contas todos os gastos que deben pagar, que lle sobre un remanente de cartos, pero un remanente que non é real xa que no orzamento debéronse ter en conta os gastos totais do concello e non unha parte. Doutro xeito, se non tes en contra todos os teus gastos é moi doado dicir que che van a sobrar cartos. É doado pero non real; e o PP debe axustarse á realidade xa que é o responsable da boa xestión dos cartos de todos os veciños e veciñas de Cambados e con este tipo de actuacións non está a cumprir co seu cometido.
Como se pode comprobar, non resulta aceptable dar a aprobación a un expediente deste tipo. Porque se isto no fose suficiente, o expediente vai acompañado dun informe de Intervención onde se afirma que estamos diante de facturas que non contan coa previa proposta de gasto nin do preceptivo certificado de existencia de creto emitido pola Intervención municipal, estando en presenza de contratacións verbais non admitidas no sector público e prohibidas pola lexislación vixente. Tamén afirma que para algunhas facturas non constan nin os orzamentos das obras, nin a aprobación previa do gasto e carecen da sinatura do técnico municipal. Igualmente, tendo en conta as repercusións económico-orzamentarias e legais derivadas da realización de gastos non contabilizados, reitérase a urxente necesidade de rematar coa realización de calquera tipo de gastos que carezan de orzamento, pois segundo o Tribunal de Contas e o Consello de Contas isto debe ser excepcional, extraordinario, puntual e para algún gasto de escasa contía. É dicir, que non é o caso do concello de Cambados, que só se pode xustificar como unha penosa xestión municipal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.