Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

19 de enero de 2015

O PSOE DE CAMBADOS DENUNCIA IRREGULARIDADES NA MODIFICACIÓN DA RPT DO CONCELLO







Os socialistas de Cambados denuncian as irregularidades que pretende aprobar o Concello coa modificación da Relación de Postos de Traballo.
A formación que lidera Fátima Abal considera inxusta, ilegal e discriminatoria a nova RPT.
O pasado 18 de decembro, o pleno da corporación municipal aprobou provisionalmente a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), modificación que contou cos votos en contra do grupo socialista. Dita aprobación provisional foi publicada no BOP o 30 de decembro, abríndose polo tanto un prazo para a presentación de alegacións que remata o 19 de xaneiro.
Esta mesma mañá, o grupo municipal do PSdeG-PSOE, encabezado pola súa portavoz Fátima Abal,  presentou  un escrito de alegacións ante o Concello de Cambados, ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, e ante a Dirección Xeral da Administración Local da Xunta de Galicia, no que presentan seis alegacións para ser tidas en conta e que sexa decretada a nulidade do acordo adoptado provisionalmente.
As alegacións presentadas no escrito son as seguintes:
1.A nova RPT pretende levar a cabo incrementos retributivos que vulneran a Lei de Orzamentos Xerais do Estado. Ditos Orzamentos establecen uns límites nas retribucións que esta nova RPT vulnera. Os socialistas sinalan que: “a contía global das retribucións debe estar entre uns límites máximos e mínimos que veñen fixados para todo o Estado. Ningún concello pode aplicar o que lle veña en gaña, xa que é inconstitucional infrinxir esta Lei”
2.Incúmprense tamén os límites establecidos por lei en relación ós complementos específicos, e que ascenden a un total de 453.853,71€, superando incluso a contía do exercicio anterior (antes da modificación da RPT)
3.A nova RPT prevé a creación de 8 novas prazas, algo que está expresamente prohibido pola lexislación vixente.

4.A eliminación de prazas para as que actualmente está en vigor un proceso de oferta de emprego público, e para as cales existen solicitantes que cubriron a instancia e pagaron as taxas. Os socialistas advirten de que non existe ningunha declaración de caducidade respecto ó procedemento nin ningunha declaración de finalización de dita oferta de emprego. “Esto, directamente parécenos un  engano –sinala Fátima Abal- a toda a xente que se estivo preparando, e que pagou as taxas correspondentes, e que de repente dun día para outro se atopa con que esas prazas desaparecen. Esa xente é lóxico que se sinta estafada.”
5. A forma de provisión de tódalas prazas vacantes realízase mediante concurso, cando o Estatuto Básico do Empregado Público establece que a forma de provisión debe ser mediante oposición, o cal será o que se aplique como regra xeral, mentres que o concurso só poderá aplicarse con carácter de excepcionalidade e a través dunha lei, algo que non sucede nesta RPT.
6.As modificacións propostas na RPT provocarían un incumprimento do período medio de pago aos proveedores, coas conseguencias que elo suporía en canto ao pago de intereses de demora xunto coa indemnización por non pagar en prazo. Os socialistas explican que, segundo o Informe de Intervención Municipal, en moitos casos non se está a cumprir o prazo de pagamento, debido fundamentalmente aos gastos contraídos sen crédito orzamentario e que deben ser aprobados mediante un recoñecemento extraxudicial de créditos.
Por todo esto, os socialistas solicitan a nulidade dos acordos aprobados polo pleno do 18 de decembro relativos á aprobación do Orzamento para o 2015 e á aprobación provisional da modificación da RPT, por infrinxir ambos varias leis.
Fátima Abal sinala que “os socialistas faremos todo canto esté na nosa man para que que unha Relación de Postos de Traballo tan inxusta coma esta non sexa efectiva, un concello ten a obriga de cumprir as leis, e aquí atopámonos cun equipo de goberno municipal que actúa como se a legalidade non fose con eles. Ademáis, esta modificación resulta claramente discriminatoria, xa que favorece a un pequeno grupo de empregados municipais, precisamente os máis próximos ao partido popular, en detrimento de moitos outros, funcionarios de carreira, e que ademáis ven cómo se lles reduce a súa categoría profesional. Temos constancia de que hai traballadores que tamén presentaron alegacións a esta RPT, e que ademáis tamén están dispostos, ao igual que nós, a acudir á xustiza, xa que esta modificación é claramente ilegal”


No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.