Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

17 de marzo de 2014

OS COCIÑEIROS DO GRUPO NOVE PRESENTAN O SEU LIBRO






A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, interveu hoxe no acto de presentación do libro Nove e a nova cociña galega. Cociñeiros, paisaxes e produtos, unha iniciativa que xurdiu da colaboración entre o Grupo Nove e Turismo de Galicia e que recompila receitas e referencias de produtos típicos da gastronomía galega interpretadas polos cociñeiros desta asociación gastronómica.

Segundo destacou a directora de Turismo na presentación, “a importancia de desenvolver iniciativas que divulguen a nosa potencialidade como destino gastronómico radica na súa capacidade de transcender os tempos e de manter vivo un recurso único”. E engadiu que ademais das máis de 300 festas de exaltación gastronómica e do traballo diario dos nosos máis de 5.000 establecementos de restauración nos que se reinventan cada día os pratos da cociña de Galicia, a posta en marcha de iniciativas como esta publicación evidencia que nos atopamos ante “un sector innovador, vivo e competitivo”.


Ao tempo, a directora incidiu na posición de Galicia como destino referente na cociña baseada nas materias primas de calidade e resaltou ao tempo que en Galicia temos 51 servizos de restauración distinguidos coa Q de Calidade Turística, 11 Estrellas Michelin e 24 Soles Repsol.
Nava Castro comentou tamén que dende Turismo de Galicia desenvolvéronse iniciativas como as Rutas dos Viños de Galicia, a Xornada de Portas Abertas ou o desenvolvemento de aplicación para teléfonos intelixentes sobre enoturismo que contribúen á posta en valor da gastronomía galega como recurso turístico diferencial. Ao tempo lembrou que Turismo de Galicia vén de publicar unha orde de axudas especificamente dirixidas a incentivar a obtención do distintivo Q de Calidade Turística. “A calidade é o sinal de identidade da nosa cociña e da nosa terra”, dixo.
A colaboración de Turismo de Galicia co Grupo Nove , ten por obxectivo a promoción da gastronomía da nosa terra a través de accións como eventos promocionais, asistencia a eventos de promoción turística e realización de demostracións culinarias, así como a publicación do libro que hoxe se presentou, entre outras actividades.

A través das imaxes dos 23 cociñeiros do Grupo Nove e con magníficas fotografías de Ovidio Aldegunde, así como as achegas textuais de Martín Berasategui, Manuel Gago e Marta Fernández Guadaño o lector pode afondar nos aspectos máis contemporáneos da gastronomía galega actual.

As paisaxes de Galicia e o seu significado para cada cociñeiro, en combinación con algúns dos produtos máis exquisitos e singulares da nosa tradición culinaria, con referencias aos seus produtores e comercializadores e á calidade destes, son a carta de presentación das receitas elaboradas polos cociñeiros do Grupo Nove.
O bonito, as mazás tabardillas, a tenreira galega, as vieiras, o queixo de San Simón, o tomate negro de Santiago, as volandeiras, a galiña piñeira, o millo tenro, os ourizos, a auga mareira… son os ingredientes que protagonizan as receitas.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.