A Deputación de Pontevedra destina 72.479 euros á redacción do proxecto
básico e de execución das obras de remodelación e modernización da praza
de abastos e da lonxa vella de Cambados, segundo se recolle no convenio
de colaboración que asinarán ambas as dúas administracións.
| Praza actual |
O obxectivo desta actuación é impulsar a transformación da antiga praza de
abastos de Cambados nun mercado moderno que sexa referente na
comercialización de produtos de calidade, ao tempo que se contribúe á
dinamización do centro urbano da vila.
Neste sentido, a redacción do proxecto dá continuidade ao Plan Director de Reordenación da zona portuaria de lonxa e mercados do porto de Cambados-Tragove,
no que se definen as necesidades de mellora desta área e que xa no seu
día foi licitado e adxudicado pola Deputación de Pontevedra.
Unha vez establecido este Plan Director, o Concello de Cambados
formalizou un protocolo co Ministerio de Fomento e a Consellería de
Economía e Industria para levar a cabo os traballos de remodelación e
modernización da praza de abastos e da lonxa vella, pero o antedito
protocolo non inclúe o financiamento da redacción do proxecto, do que
agora se encargará a Deputación Provincial.
Mercado moderno
O proxecto deberá recoller os servizos actuais da praza de abastos e da
lonxa vella, pero tamén fórmulas para dar resposta a todas aquelas
necesidades e demandas que debe atender un mercado moderno.
A
área comercial contará cun mercado minorista tradicional, que concentre
os postos que habitualmente veñen desenvolvendo alí a súa actividade, e
un mercado maiorista complementario. Así mesmo, estará dotado dunha área
de degustación e restauración que contemple unha dotación de
establecementos e postos dedicados a produtos elaborados propios da
zona.
Completarase cos servizos de consigna, sanitarios, servizo
de gardería infantil -co fin de axudar a conciliar a vida familiar e
laboral–, área de dirección e xerencia, quiosco, bar e servizo de venta
de prensa, entre outros que se consideren oportunos.
A
superficie estimada será de 3.200 metros cadrados, repartíndose do
seguinte xeito: 1.150 metros para a área do mercado tradicional, 750
destinados a área de maioristas, 800 para actividades complementarias e
500 para a área de servizos, accesos e comunicacións verticais.
O custe estimado destes traballos de remodelación e modernización ascende a uns 3.600.000 euros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.