Unha vez máis, a Unión Europea, a través do Consello de Ministros de Pesca -sempre co entusiasta voto favorable do Goberno español e a connivencia da Xunta de Galiza- volvía fixar uns Topes Autorizados de Captura (TAC) claramente discriminatorios para a flota pesqueira galega. Esta decisión, non fundamentada cientificamente, pretende primar os intereses económicos e comerciais doutros estados fronte ás necesidades do sector pesqueiro galego, claramente prexudicado en todo este proceso. Trátase de regras de xogo da UE incompatibless coa existencia e o futuro do noso país en materia pesqueira.
Nese contexto, en decembro do ano 2013, os representantes da Xunta de Galiza xunto cos representantes do sector pesqueiro galego negociaban en Madrid o reparto de cotas no Cantábrico noroeste; entre elas, estaban especies estratéxicas para a flota do cerco e de artes menores como a xarda e o xurelo.
No reparto que estabelece a UE do TAC da xarda, correspóndenlle ao Estado español 29.019 toneladas para o 2014, das cales hai que descontarlle unhas 7.000 toneladas que é a sanción que esta lle impón a toda a flota por se exceder nas capturas asignadas nos anos 2009 e 2010.
Na negociación do reparto por parte do Estado español xulgábase que a intención era eliminar o modelo dos últimos anos, que obrigaba a terse que desprazar a flota galega a Cantabria ou ao País Vasco se querían pescar algo, pois en poucos días, esgotábase a cota. Cómpre trocar este modelo discriminatorio por outro máis acorde coa realidade galega, que lle permita á embarcación ter dereito a un total de capturas e poder pescalo cando e onde o considerar.
Na negociación que se levou a cabo impúxose o modelo vasco, que contou coa colaboración do Goberno español e a inhibición do Goberno galego; isto é, que as capturas históricas tivesen o maior peso posíbel no reparto, comezando nun 90-10 e admitindo un preacordo onde as capturas históricas lle correspondía o 70%, e outros factores, como número de tripulantes, GT's, etc., unicamente alcanzaban o 30%.
Con este reparto a flota galega, que ten 154 barcos de cerco, correspóndelle o 24,5% das cotas de xarda, mentres ca vasca, con 53 embarcacións, consegue un 50% do total das capturas. Este criterio de reparto realizouse interesadamente a partir das capturas históricas, computándose nestas as realizadas entre os anos 2002 e o 2011. Nestes anos a pesca en Galiza estivo regulada mediante topes, non así o doutras comunidades costeiras e coincidindo ademais cos anos onde houbo un exceso de capturas (2009 e 2010), con sanción da UE. Para alén disto, o modelo destes últimos anos xa viña prexudicando gravemente a flota galega, dado que o reparto era global e cando a xarda chegaba ás nosas augas, a cota estaba esgotada impedíndosenos pescala.
A maiores temos que lembrar que historicamente a flota vasca non pescaba esta especie. Comezou a pescala a raíz de se ter esgotado a pescaría do bocareu. No actual preacordo de reparto en función das últimas capturas históricas non se prima a quen tivo regulada as súa actividade, nin a quen pescou menos, nin a quen non se excedeu das capturas: prímase a quen se incorporou tardiamente a esta pescaría, a quen non a tivo regulada e, sobre todo, recoñéceselle como captura histórica a quen pescou de máis.
Unha vez que o sector foi consciente do prexuízo que se está a causar con este preacordo, decidiu amarrar a flota e tomar medidas para impedir esta negociación discriminatoria, pois entende que con este modelo o sector non ten futuro. A única saída a esta situación é que o Goberno español anule este preacordo e que se inicie unha nova negociación onde os criterios sexan obxectivos, isto é: debe existir un reparto liñal proporcional ao número de embarcacións, onde se prime o número de tripulantes e os criterios de responsabilidade.
Por iso, o BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal de Cambados, a adopción do seguinte
ACORDO
- Manifestar o apoio deste o concello de Cambados a flota do cerco e de artes menores que reclaman un reparto xusto das cotas da xarda e do xurelo.
- Reclamar o cambio profundo da Política Común de Pesca da UE, e a derrogación do Principio de Estabilidade Relativa, que consagra a discriminación estrutural da flota pesqueira galega.
- Reivindicar o exercicio pleno das competencias galegas sobre as nosas augas, eliminando as cotas de pesca fixadas desde Bruxelas no noso propio litoral.
- Manifestar o apoio de toda a Corporación as reclamacións acordadas na Asemblea do Cerco, que tivo lugar en Portosín, isto é:
- Non admitir o preacordo logrado co Goberno español.
- Pedir a dimisión do presidente da Federación de Confrarías de Galiza.
- Reprobar a actitude da conselleira de Medio Rural e do Mar por non defender os intereses do sector.
- Instar á Consellaría de Medio Rural e do Mar a adoptar unha posición comprometida de defensa dos intereses da flota galega.
- Trasladar este acordo ao presidente da Xunta de Galiza, ao presidente do Goberno español, aos grupos parlamentares do Parlamento de Galiza e do Congreso dos Deputados, e deputadas e deputados galegos no Parlamento europeo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.