O Conselleiro de Medio Ambiente
anunciou, hai uns días no Grove, que a súa intención
era contratar as obras de saneamento do Saco de Fefiñáns antes do
verán; é dicir, que volven a retrasar a contratación dunhas obras
reiteradamente prometidas. Semella que para ser unha obra prioritaria,
segundo o conselleiro, non se pode dicir que se estean tomando este
asunto moi en serio, pois xa ían estar contratadas o pasado ano. Como
o BNG ven afirmando desde hai tempo, esta forma de actuar do PP, significa
que o verdadeiramente prioritario, para eles, son as comportas e non
o saneamento. O que demostra, unha vez máis, que para levar a
cabo o seu proxecto particular saben de onde sacarnos os cartos, pero
para os proxectos que benefician á maioría dos veciños e veciñas
e dos cales dependen postos de traballo, para eses non hai data fixa.
Para os proxectos de interese social e económico, como é o caso do
saneamento do Saco, só a presión social pode conseguir que algún
día sexan unha realidade, porque pola iniciativa do PP non se faría
nunca.
Como se pode fiar o cidadán dun grupo político
como o PP que se pasa o tempo facendo promesas que logo non cumpre.
Que valor teñen as promesas de Aragunde de que as comportas so funcionarán
cando se faga o saneamento se xamais cumpren o que din a pesar de prometelo
en múltiples ocasión.
Hai que preguntarse como se pode aceptar que
nunha situación de crise económica extrema se gasten os cartos de
todos/as nunhas comportas para adornar e non se fagan as inversións
en saneamento que terían unha consecuencia directa sobre os postos
de traballo do marisqueo. Onde está a planificación do PP que pon
o “carro”, as comportas, diante dos “bois”, o saneamento.
De
seguro que, a día de hoxe, xa ninguén se estraña desta forma de actuar,
pois o PP tenos acostumados a facer as cousas sen palnificación (que
é iso?), a poñer os seus intereses partidistas por diante dos da cidadanía,
a utilizar os cartos públicos con moita “alegría” e a facer promesas
que non cumpre. Pero estas son cuestións suficientemente graves como
para non ser toleradas en ningunha formación política e a cidadanía
debe tomar boa nota para o futuro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.