A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e mais o presidente da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Durán Hermida, asinaron hoxe un convenio de colaboración para poñer en valor turístico os recursos singulares do territorio No acto estivo presente tamén o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís
A directora de Turismo de Galicia e mais o presidente da Mancomunidade do Salnés, composta polos concellos de Vilagarcía de Arousa, Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo e O Grove, asinaron hoxe un convenio cuxo obxectivo é a realización de diferentes actuacións para poñer en valor turístico os recursos singulares deste territorio.
Este convenio enmárcase na estratexia de perseverar nos territorios que xa tiveron plans de dinamización ou de excelencia turística e de continuar coa colaboración interadministrativa para facer destinos turísticos singulares e diferenciadores que especialicen a súa oferta e enriquezan o conxunto da oferta turística galega.
O obxectivo do acordo é priorizar as accións de promoción, difusión e dinamización dos valores patrimoniais e gastronómicos do Salnés, así como a utilización de novas tecnoloxías ao servizo do turismo. De igual modo, segundo explicou a directora de Turismo durante o acto de sinatura, “procurase a sensibilización tanto aos visitantes como aos propios veciños da zona sobre a importancia de preservar e poñer en valor un patrimonio con clara proxección turística e incidencia na economía da zona, así como de gran valor cultural, natural e medioambiental”.
Actuacións concretas
Para promocionar, fomentar e difundir a actividade turística na zona, levaranse a cabo actuacións relacionadas coa internacionalización do destino a través de accións co mercado Ruso, Alemán e co Reino Unido, así como realizando unha misión comercial inversa con touroperadores. No eido das novas tecnoloxías crearase unha aplicación específica sobre o territorio para smartphones, unha páxina web, unha reportaxe fotográfica para actualizar esta plataforma comunicacional así como un plan de E-marketing.
No ámbito da creación de produtos turísticos traballarase en aspectos relacionados coa homologación de rutas, a creación de arquivos KML e fotografías así como a elaboración de material promocional sobre os roteiros.
De tal modo que os museos, as praias –moitas delas con distintivos de calidade turística e ambiental-, os xacementos, os espazos singulares como o Complexo Intermareal Umia-Grove, as mostras de arquitectura relixiosa, a vinculación deste territorio co enoturismo e a súa magnífica gastronomía, estarán ao alcance dos viaxeiros de todo o mundo a través das novas tecnoloxías e das diferentes accións promocionais e de comunicación.
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o sector turístico xera preto do 11% do noso PIB e “Galicia é a comunidade que máis aposta por este sector, un sector con futuro e con posibilidades de desenvolvemento que ten o mellor produto, que é a nosa terra e que contribuirá a preservala e a poñela en valor”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.