Preto de 500 afectados polas participacións preferentes achegáronse, onte ata a Subdelegación do Goberno en Pontevedra.Queren que o subdelegado Antonio Coello se dirixa ó delegado do Goberno en Galicia e que este xestione ante o Ministerio de Economía unha solución ó que eles consideran ‘unha estafa’.
Ás once da mañá e armados con trompetas, bombos e ata a sirena dun barco varias plataformas de afectados da provincia de Pontevedra e tamén da Coruña fixéronse escoitar. Entre eles atopábanse veciños do Grove, Boiro ou Rianxo.
Tamén gritaron consignas e portaban carteis e pancartas con lemas dirixidos ós bancos e tamén ós políticos. Síntense estafados e timados e queren que tanto goberno autonómico como central acorden unha solución coas entidades financeiras para recuperaren a totalidade do diñeiro investido nas preferentes.
Esta petición recollérona nun escrito que presentaron no rexistro da Subdelegación. Nel tamén manifestaron a súa repulsa ás multas coas que esta Subdelegación sancionou a catro afectados, por manifestárense en protestas diante de sucursais.
Argimiro Martínez foi identificado e chamado a declarar tras protestar diante dunha sucursal en Porriño. Pero Carmen Blanco e a súa nai foron sancionadas, xunto con outras dúas persoas, con 300,52 euros cada unha por participar nunha protesta, sen licencia, na Coruña.
A coordinadora de plataformas estima que hai preto de cen mil galegos afectados polas preferentes. Moitos son clientes de toda a vida do banco onde din que os enganaron. Por iso, asegura que non pararán de mobilizarse e que non se van amedrentar ante as medidas represivas da Subgdelegación do Goberno.
| Antonio Coello subdelegado do Goberno |
Precisamente sobre as sancións ós afectados polas preferentes referiuse hoxe a Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Nun comunicado, aclárase que o expediente ós manifestantes está motivado por actos vinculados á alteración da orde pública. Neste senso relátase que se tiraron ovos, que se fixeron cortes de tráfico, e que a manifestación na que participaban non fora comunicada.
A Subdelegación indica que son, única e exclusivamente estes feitos, e non as reivindicacións lexítimas destes cidadáns, o que motivou o inicio de apertura dun expediente. En concreto, referido a seis persoas que participaron nunha manifestación dos afectados polas preferentes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.