Despois de Compromiso por Galicia,
nace outra organización política do nacionalistmo galego. A
coordinadora provisional de asembleas do chamado Novo Proxecto Común
(NPC) decidiu o venres convocar a súa asemblea constituínte para o próximo
14 de xullo, aberta a todas as persoas en favor da unha "nova
organización do nacionalismo galego e da esquerda inclusiva".
Os promotores do proxecto informan de que así se decidiu nunha
reunión da coordinadora provisional de asembleas locais e comarcais de
NPC, celebrada en Teo (A Coruña) e que, segundo fontes do colectivo,
inclúen de forma individual a persoas que se escindiron do BNG e a
outras que se incorporaron ao proxecto, aínda que o número máis grande de xente ven de Encontro Irmandiño,formación liderada por Xosé Manuel Beiras.
Na reunión decidiuse convocar a Asemblea Nacional Constituínte para
o 14 de xullo en Santiago de Compostela. Estará aberta "á
participación, a título individual e directo, de todas aquelas persoas
que estean a favor dunha nova organización do nacionalismo e da esquerda
inclusiva", "participen ou non nas reunións locais ou comarcais", que
se constituirán ata esa data.
Ademais, a reunión decidiu constituír dous grupos de traballo, un
de carácter técnico-organizativo e outro encargado de redactar os
documentos ideolóxico-políticos. Os promotores invitaron á constitución
de novas asembleas durante o proceso.
Finalmente, fan un chamamento ás persoas que, "cunha visión
diferente, dentro da pluralidade existente no nacionalismo galego
actual, estean a traballar desde ópticas diferentes na construción dun
novo referente político que a sociedade galega demanda", e conclúe que
as "portas están abertas e a obra sen rematar".

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.