Onte debería ter sido un día importante para as 65 persoas que, fai xa medio ano, quedaron na rúa tras o peche da conserveira Guau. No edificio da Parda, en Pontevedra íase celebrar o xuízo correspondente á demanda por despedimento improcedente presentada no seu día contra unha das firmas máis emblemáticas de Cambados. Con todo, esa vista non chegou a celebrarse. Unha noticia de última hora truncou os plans dos traballadores e do sindicato CIG, que ostenta a súa representación: o luns, a empresa presentou un concurso de acreedores no País Vasco.
Ese feito forzou ao persoal a variar os seus plans. A primeira medida adoptada pola CIG foi solicitar un adiamento do xuízo previsto para onte, en primeiro lugar para ampliar a demanda por despedimento improcedente ás empresas vascas do grupo e á Administración concursal. Ademais, o sindicato quere que os traballadores sexan incluídos como parte no proceso concursal, de tal forma que calquera movemento que se queira dar sexa comunicado ao persoal, e que esta ocupe un lugar preferente en todo o proceso.
O persoal de Guau comeza a acusar xa o cansazo e o nerviosismo de quen levan seis meses esperando acontecementos, e moitos máis anos soportando a incerteza derivada da errática xestión da empresa. A firma pasou por moitas mans desde que, no 2000, deixou de ser Alimentos Arousa para iniciar un periplo no que, en numerosas ocasións, precisou que se lle insuflase diñeiro público para poder seguir adiante. Pero nin sequera iso logrou salvar a Guau, que pechaba as súas portas baixo sete chaves, sen previo aviso, o pasado 11 de novembro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.