Nas políticas de cohesión da Unión Europea, a cooperación
transfronteiriza segue a ser unha das súas prioridades, o que a converte
nunha liña estratéxica de atracción de recursos “a ter en conta” polos
axentes políticos e sociais de Galicia e do Norte de Portugal. Dada a
relevancia desta colaboración entre territorios, a Área de Ciencia
Política e da Administración da Universidade de Vigo, co apoio do
Concello de Cambados, organizan o III Seminario Internacional sobre
Cooperación Territorial, no que os principais expertos da materia
analizarán, entre o 13 e o 14 de abril, as relacións transfronteirizas
de Galicia, Cataluña e Euskadi para propor estratexias axeitadas ao novo
marco normativo e financeiro 2014-2020 da UE.
Este seminario, presentado este mércores polos seus organizadores, os profesores Álvaro Xosé López Mira e Celso Cancela e polo alcalde de Cambados, Luis Aragunde, marca o inicio dunha liña de colaboracións entre a Universidade e o concello, “sendo este curso a primeira doutras actividades que se van a levar a cabo máis adiante neste lugar” expresou López Mira, que tamén aproveitou para agradecer publicamente a predisposición mostrada pola alcaldía cambadesa “xa que todas as propostas que a Universidade lle fixo, tiveron unha excelente acollida”. Así mesmo, este curso é unha mostra da política de achegamento da institución viguesa á súa contorna local “co fin de dar a coñecer a súa oferta formativa nos arredores”, engadiu López Mira.
Segundo expresou o profesor Celso Cancela, este curso celébrase “nun contexto inmellorable” tras os últimos avances producidos no eido da cooperación transfronteiriza. Dende a celebración da segunda edición do seminario en 2009 no País Vasco, creáronse as Axencias Europeas de Cooperación Territorial (AECT) de Galicia-Norte de Portugal, de Cataluña-Pirineos e máis recentemente, en 2011, de Euskadi-Aquitania, “organismos que lle dan cobertura xurídica á cooperación transfronteiriza e que supoñen un gran paso adiante nesta política de colaboración”, apuntou Cancela. O profesor fixo fincapé na necesidade de analizar e visibilizar este tipo de avances “históricos” xa que “en moitos casos non somos conscientes das melloras e facilidades que producen no día a día da poboación que vive nas fronteiras”. Durante os dous días de encontro, ademais de debater sobre o percorrido das tres AECT, os asistentes tamén afondarán nas liñas de actuación definidas polas políticas europeas “para comprobar se as rexións están traballando en consonancia co que demanda a Comisión”, sinalou o profesor.
Este seminario contará cos principais expertos na materia das
universidades do País Vasco, Autónoma de Barcelona e Vigo e que forman
parte de Recot, Red de Investigación de Cooperación Territorial, que
naceu en 2007 co fin de crear sinerxías no eido da investigación.
“Trátase dunha rede que nos visibiliza e nos pon en relación con outras
universidades, co obxectivo de desenvolver en conxunto proxectos
internacionais que inclúan ao mesmo tempo a centros franceses, italianos
e portugueses”, apuntou o profesor López Mira.
Tras a benvida do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e
do alcalde de Cambados o venres 13 de abril, o programa do encontro
comeza cunha primeira sesión sobre a Eurorrexión Pirineos-Mediterráneo,
na que intervirán os profesores Francesc Morata e Antoni Durá i Guimerá,
da Universitat Autónoma de Barcelona. A continuación celebrarase unha
segunda sesión que terá como protagonista á AECT Euskadi-Aquitania e na
que debaterán José Luis de Castro Ruano e Francisco Letamendía, da
Universidad del País Vasco. O encontro rematará o sábado 14 de abril coa
análise da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal da man de Argimiro
Rojo e de Enrique José Varela, profesores da Universidade de Vigo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.