O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, visitou hoxe a adega Granbazán, no concello pontevedrés de Vilanova de Arousa. Alí, apelou á necesidade de aproveitar as sinerxías entre o turismo e o mundo do viño para contribuír ao desenvolvemento das áreas rurais de Galicia.
A adega arousá pertence ao grupo Baigorri e estrea enólogo, Diego Ríos, que avanza que Granbazán manterá o seu carácter tradicional, afianzando a súa presenza no mercado.
As instalacións tamén albergan un salón de eventos con capacidade para máis de 300 persoas, unha tenda e zona de degustación
No apartado de eventos e enoturismo, a adega está a realizar un importante esforzo promocional, seguindo o exitoso exemplo de Baigorri, adega que o ano pasado recibiu 30.000 visitas
O conselleiro sinalou que o sector vitivinícola en Galicia é un eido estratéxico para a economía da comunidade, tanto pola súa importancia económica como polo seu impacto social, cultural e medioambiental. De feito, segundo explicou, é o sector máis dinámico e internacionalizado da nosa economía agraria, xa que aglutina a máis de 13.000 viticultores, a máis de 450 adegas e achega un valor económico de máis de 200 millóns de euros ao ano.
Neste sentido, José González definiuno como o maior caso de éxito do sector primario galego nos últimos corenta anos, que foi quen de desenvolver un produto de calidade diferenciada a partir da recuperación de variedades autóctonas, que actuaron como panca de competitividade fronte a outros operadores nacionais e internacionais de maior volume e tradición. Proba diso, indicou, é o feito de que se trata do sector agrario galego máis exportador. Hoxe máis do 20% (1 de cada 5 botellas) dos viños das denominacións de orixe galegas véndense noutros países tan diferentes como Estados Unidos, Alemaña, Reino Unido, China, Canadá ou México.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.