O Consello Regulador das Indicacións Xeográficas dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia certificou un 16% máis de destilados amparados durante 2018. De acordo cos datos provisionais que manexa o organismo, “certificáronse ao redor de 385.000 litros de produto, o que supón un incremento en algo máis de 50.000 litros con respecto ao exercicio anterior”, asegurou o presidente do Consello Regulador, José Antonio Feijóo. Pola súa banda, o número de contraetiquetas expedidas tamén se incrementou o pasado ano, neste caso un 5% con respecto ao exercicio anterior, ata alcanzar as 578.000. “Estes datos son provisionais, xa que se teñen que realizar as últimas comprobacións dos rexistros”, aclarou o presidente do Consello Regulador, quen se mostrou satisfeito co “crecemento continuado rexistrado na produción dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia nos últimos anos. Aínda que non crecemos todo o que nos gustaría, o certo é que mantemos un incremento constante no tempo”.
Non en balde, desde 2011 ata 2017, a produción incrementouse un 53,42%. Unha porcentaxe que ascende ata o 78% se se teñen en conta os datos provisionais de certificación de produto de 2018. Pola súa banda, o número de contraetiquetas expedidas polo Consello Regulador ao longo dos últimos anos tamén rexistraron un notable incremento. Así, desde 2011 e ata 2017, o número de contraetiquetas expedidas polo Consello Regulador ha rexistrado un incremento total dun 61,2%. Se se toman os datos provisionais de expedición de contraetiquetas do pasado ano 2018, a porcentaxe incrementaríase ata o 70%.
O presidente do Consello Regulador destacou que esta tendencia á alza “ratifica un crecente interese polos destilados galegos con selo de calidade e orixe, o que nos permite ser moderadamente optimistas de fronte ao futuro”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.