Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

15 de julio de 2016

RECOMENDACIÓNS PARA PROTEXERSE DA CALOR DOS VINDEIROS DIAS








A Consellería de Sanidade informa que, aínda que non se prevé a superación dos límites establecidos no Plan da Xunta de Galicia para considerar unha situación de alerta por vaga de calor, durante os vindeiros días estaremos na nosa Comunidade moi preto de que se produza esa superación nun bo número de concellos. A tal efecto, a Dirección Xeral de Saúde Pública fai unha serie de recomendacións para estes días nos que se agarda a chegada dunhas xornadas con altas temperaturas.
Así, para protexerse da calor, recoméndase beber máis líquido do habitual, sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té, e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas en abundancia e evitaranse as comidas copiosas. Respecto da vestimenta, convén usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.
No interior dos edificios aconséllase permanecer, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores ou aparellos de aire acondicionado. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado. No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a anciáns.
Cando se vaia gozar da praia convén tomar o sol de forma progresiva durante os primeiros días, evitando as horas do mediodía e as primeiras da tarde. Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as que teñan un índice non inferior a quince, aplicándoas 30 minutos antes da exposición e renovar cada 2 horas. Ademais, convén protexer aos nenos con gorra e camiseta opaca.

Mase de aire moi cálida

Segundo a predicción de MeteoGalicia para os vindeiros días, entre a xornada de hoxe venres e o vindeiro luns, Galicia atoparase unha situación atmósférica caracterizada polas altas presións estacionarias ano norte da península ibérica. Dende esa posición, o anticiclón deixará ceo despexado e achegará unha masa de aire moi cálida procedente do norte de África, que fará que as temperaturas sexan moi elevadas, superándose os 30ºC en xeral e os 35ºC de xeito xeralizado no interior nas tardes de sábado, domingo e luns. En canto ás mínimas, tamén irán ascendendo e veremos valores preto dos 20ºC no litoral atlántico. A situación está previsto que comece a remitir o martes e que baixen as temperaturas de xeito considerable a partir do mércores.

En funcionamento dende o 1 de xuño

A Xunta de Galicia ten en marcha, dende o 1 de xuño, o plan fronte a unha posible vaga de calor, co obxectivo principal de reducir o impacto sobre a saúde da poboación galega polo mantemento das condicións de vaga de calor durante máis dunha xornada.
Este documento establece un sistema de previsión, alerta e comunicación dos riscos; define unha sistemática de intervención para cada nivel de alerta establecido; e reforza a coordinación institucional entre as unidades competentes nesta materia.
Considérase vaga de calor cando o índice de sensación térmica é superior, como mínimo, a 24ºC, e superior ao percentil 95 dos valores obtidos nos resultados históricos desa zona, e, ademais, con temperaturas mínimas superiores a 20ºC. Así mesmo, estas circunstancias deberán ter continuidade durante dúas ou máis xornadas.
Neste senso, as unidades competentes que participan nesta materia e que tamén o fan no Comité do Plan de Calor son, ademais da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, os departamentos de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; e a Consellería de Política Social.

Sistemas de comunicación

Os sistemas de comunicación da información establecidos no Plan céntranse na poboación xeral, con especial énfase nos cidadáns máis sensibles ás altas temperaturas, e os seus familiares, e está baseado nos medios de comunicación, ademais doutras canles, como pode ser Internet.
Asemade, establece os sistemas de comunicación da información para os profesionais do sector social e voluntariado dedicados ao coidado das persoas maiores; así como aos traballadores e dispositivos sanitarios.
Este Plan de actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde coordínase co Plan Nacional de Accións Preventivas contra os Efectos do Exceso de Temperaturas, do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Non obstante, o sistema de información ambiental para a predición e seguimento das vagas en Galicia baséase na información facilitada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de MeteoGalicia, que achega datos máis polo miúdo e ten en conta outras variables, ademais da temperatura.









No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.