A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes, Cambados entre eles, polas que prestará apoio económico, de maneira excepcional e extraordinaria, para que os seus servizos sociais poidan atender as demandas urxentes dos cidadáns e cidadás que se atopan en situación ou risco de exclusión social. Terán atención especial aquelas persoas que, dentro desta situación, teñan menores de idade ao seu cargo. A Deputación destinou a esta liña de axudas a cantidade de 465.000 €, dos que 365.000 € serán investidos en axudas ao gasto corrente e, os 100.000 € restantes, para investimento.
Estas axudas, das que se beneficiarán todos os 53 concellos da provincia de Pontevedra con menos de 20.000 habitantes, están destinadas a aquelas persoas maiores de idade, empadroadas en calquera destes 53 concellos, que non dispoñan duns ingresos suficientes como para facer fronte aos gastos polos que solicitan a axuda, entre os que se contemplan a alimentación, uso de vivenda, pago de recibos, pago de produtos de hixiene e de limpeza, pago de produtos de farmacia, pago de desprazamentos ou apoio á infancia, entre outros.
A contía das axudas distribuíuse entre os 53 concellos beneficiarios atendendo a dous criterios: en primeiro lugar, o seu número de habitantes e, pola outra banda, a súa porcentaxe de desemprego. Os concellos recibirán entre 8.500 e 5.000 €, no caso de gasto corrente, e entre 2.400 e 1.500 € no caso de investimento.
Cómpre lembrar que estes 465.000 euros supoñen un incremento do 27% (100.000 € máis) respecto ao exercicio anterior nas axudas de emerxencia social. Ademais, o servizo de Cohesión Social dispón dun orzamento de 4,1 millóns para 2016 fronte aos 3,6 millóns en 2015, isto é, un incremento do 11%.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.