ACORDO POR PARTE DO GOBERNO MUNICIPAL DO CONCELLO DE CAMBADOS PARA INSTAR AOS GOBERNOS DE ESPAÑA E DA XUNTA DE GALICIA A INCLUIR A VACINA CONTRA A MENINXITE-B NO CALENDARIO VACINAL PARA SUA APROBACIÓN NO PLENO DO VINDEIRO XOVES
Constantino Cordal Rodríguez, na súa condición de Concelleiro de Servizos Sociais do Concello de Cambados, comparece e como mellor proceda en dereito di:Que ao abeiro do disposto nos artigos 97 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, os artigos 91.4 e 97 do Real Decreto 2568/1986, do 28 de Novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, e 46.2 da Lei 11/1999, do 21 de Abril, de Modificación da Lei Reguladora de Bases do Réxime Local e outras medidas, presenta á consideración do Pleno da Corporación Municipal o seguinte acordo:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A invención da primeira vacina, a da varíola, realizada por Edwuard Jenner aló polo ano 1796 supuxo un fito na loita contra a enfermidade. A partir dese momento, foron xurdindo vacinas para as enfermidades mortais ou con graves secuelas tales como tifo, tétanos, difteria, tosferina, tuberculose, poliomelite, etc …, o que proporcionou unha batería de ferramentas moi valiosas para poder loitar contra estas enfermidades e as súas devastadoras consecuencias. Estas novas armas á disposición dos médicos, deron como consecuencia unha importante diminución da mortalidade infantil e un aumento da esperanza e calidade de vida, pero só estaban dispoñibles para un pequeno sector da poboación, aquel que tiña os recursos suficientes para sufragalo gasto económico destas vacinas.
Co transcorrer do tempo, en España iniciáronse campañas de vacinación que non foron de carácter obrigatorio ate os anos 20 por mor dunha epidemia de varíola, despois desta etapa de campañas, nos anos 70 impleméntanse os calendarios vacinais, incidíndose na prevención temperá ao realizala naqueles grupos de maior risco como son os nenos/as dende case o nacemento. En España, estas vacinacións sufragadas polo erario público, supuxeron un gran avance non só en saúde e diminución drástica da mortalidade infantil, senón en igualdade de oportunidades, posto que calquera familia tiña ao seu dispor, de xeito gratuíto, a oportunidade de inmunización ou polo menos de minimizalos riscos e secuelas de moitas enfermidades.
A Constitución Española, no artigo 43, de protección da saúde, recoñécelles aos cidadáns españois, no seu punto primeiro, o dereito á protección da saúde e, no segundo, establece que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios.
O Convenio sobre os Dereitos do Neno, aprobado pola ONU e ratificado por España, establece, no artigo 6, que os Estados asinantes recoñecen que tódolos nenos teñen dereito intrínseco á vida e garantirán na máxima medida posible a supervivencia e o desenvolvemento do neno.
Existe dende fai meses un colectivo denominado “Plataforma de Cidadáns pola Saúde - Vacina XA”, que se mobiliza para recordarlles aos poderes públicos os deberes de protección que teñen coa cidadanía e, en especial, na protección da saúde e na prevención da enfermidade, e esixen destes poderes que introduzan a vacina contra a meninxite B de xeito universal e gratuíto para tódolos cidadáns, tendo en conta que neste ano xa morreron dous veciños de Arteixo e outro en Boiro. Nesta plataforma son conscientes de que o eido municipal apenas ten competencias a nivel sanitario e que a Xunta de Galicia non é quen de modificar unilateralmente o calendario vacinal, pero recórdannos que os Grupos Municipais dos concellos están formados por veciños e veciñas, que son os representantes políticos da administración máis próxima á cidadanía, por iso nos piden que sexamos os valedores da súa causa ante os Gobernos da Xunta de Galicia e o Goberno de España, propoñendo, para aprobar polo pleno municipal, o seguinte ACORDO:• Instar ao Goberno de España para que curse orde ao Ministerio de Sanidade para que a vacina da Meninxite B, sexa incluída de xeito inmediato no calendario vacinal.
• Instar á Xunta de Galicia para que, no caso de que o Ministerio de Sanidade non acepte a inclusión inmediata da vacina contra a Meninxite B, instaure unha nova experiencia piloto coa implantación da vacina da Meninxite B.
Constantino Cordal Rodríguez
Concelleiro de Servizos Sociais do Concello de Cambados
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.