As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) denunciaron hoxe a lamentable situación do servizo de trens rexionais que conectan Santiago de Compostela con Vigo, A Coruña e Ourense; en especial de modo que “centos de universitarias e universitarios vense na obriga de viaxar sen asento e cos pasillos bloqueados polas maletas, o cal pode resultar máis propio do transporte de gando que de persoas”.
O secretario xeral das XSG Cambads, Ismael Agra, destacou que “o Partido Popular está demasiado obcecado con recuperar o seu glorioso século XIX, non só ideoloxicamente, senón que pretenden manter a Galicia coas mesmas infraestruturas daquel século”. Tamén recalcou a necesidade “dun servizo público de ferrocarís que responda ás necesidades das mozas e mozos galegos, que non poña en risco a súa seguridade nin que os trate como se de mercadorías se tratase”. Dese modo instou á responsable de Fomento, Ana Pastor, “a aumentar inmediatamente a frecuencia de ferrocarrís nas fins de semana”, por ser cando se producen as criticadas aglomeracións.

Do mesmo xeito, Agra censurou que “milleiros de millóns de euros de inversión pública vaian ser agora aproveitados por unha empresa privada, o cal é un reflexo do modelo de goberno do Partido Popular: pagar entre toda a cidadanía os custos que ningunha sociedade privada quere asumir”.
Dende a organización xuvenil tamén criticaron “a pasividade do goberno de Núñez Feijoo á hora de reclamar un servizo de cercanías entre as cidades galegas, feito que facilitaría as comunicacións entre galegas e galegos. Esiximos ao presidente da Xunta que deixe os seus intereses partidistas e defenda o interese xeral dos galegos e galegas.” Concluíu afirmando sobre Feijoo que “ben que se presentaba como o maior defensor da patria de Galicia cando gobernaba o Partido Socialista no goberno central.”
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.