Contas e contos do Albariño. Un artigo de Víctor Caamaño
Os gastos totais facilitados non superan, como é o habitual, a partida de festexos dos orzamentos para o 2014; partida que se refire, claro está, a todo tipo de festexos que se celebren en Cambados no 2014 e non só ao Albariño. Ademais recordemos, que para este ano, o PP incrementou esta partida en 25.000 € (incremento, posiblemente, debido a que para o PP rematou a crise e Mariano Rajoi xa percibe os “brotes verdes” que non albisca ninguén máis). O BNG agarda que no próximo orzamento se incremente de igual xeito a escasa partida de axudas para material escolar xa que se demostrou que hai moitas familias cambadesas que aínda non percibiron os “brotes verdes” do PP.
No seu momento, o BNG afirmou que a austeridade do PP remata cando se fala da Festa do Albariño e que en Cambados pode e debe facerse un festexo totalmente digno, axustándose á realidade económica actual do noso concello. Hai que recordar que estes gastos son pagados cos impostos municipais que como todos os veciños e veciñas saben, subiron moitísimo máis do que era razoable nos últimos tempos. Porque na suba de impostos municipais, nos últimos anos, o PP tampouco mostrou responsabilidade e, moito menos, sensibilidade cidadá.
No apartado referido a axudas recibidas, bótase de menos todas as axudas das consellerías da Xunta que Aragunde reclamaba cando o PP estaba na oposición. Resulta que agora so un departamento da Xunta (Axencia de Turismo de Galicia) fai unha aportación económica para a Festa, polo que non entendemos porque, agora, non protesta o alcalde pola “falta de compromiso coa festa da actual Xunta”. Con esta postura queda demostrado que o PP de Cambados (coma todos os PPs; por certo) di unha cousa cando están na oposición e a contraria cando goberna.
Para rematar cabe sinalar, que o listado facilitado de convidados ao Xantar volve a ocultar quen foron as persoas realmente asistentes e os seus acompañantes, pois non hai máis que ollar a referencia a “concelleiros membros da corporación municipal de Cambados” sen dar datos de quen asistiu realmente (os concelleiros do BNG non foron), nin con quen; e iso que se especificaba claramente o que se pedía previamente (asistentes ao xantar e acompañantes pagados polo concello). Isto é un bo argumento para que despois nos veña Aragunde a falar de transparencia e rexeneración política. Este representante do PP de Cambados é “un cadriño” do representante do PP en Madrid.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.