MOCIÓN PARA APOIAR A
COMERCIALIZACIÓN DE PROXIMIDADE
O pasado mes
de setembro publicouse o Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula a venda directa dos
produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final. Este
decreto entende por venda directa a que se realiza na casa, en mercados e feiras
e en tendas minoristas, que vendan directamente ao consumo final, agás os ovos
e estabelece unha serie de requisitos para poderen realizar esa venda.
Desde o BNG
sempre defendemos que se prestixien os nosos produtos primarios como de
calidade e que cumpren coas garantías de salubridade. Igualmente xulgamos que se debe facilitar desde os
poderes públicos a súa comercialización en circuítos curtos e de proximidade
para garantirlles o máximo beneficio aos e ás produtoras e que a actividade
agrícola, a súa transformación e comercialización sexa un elemento de produción
de alimentos, de creación de emprego e de dinamización económica.
Por todo esto solicitan que o pleno do Concello de Cambados aprobe unha moción na que se solicite do Goberno Galego que, en diálogo co sector,
aprobe unha serie de actuacións específicas en diversos ámbitos para dinamizar
a venda de proximidade, garantir as mellores condicións de traballo para as
persoas produtoras e conseguir unha produción respectuosa co ambiente e a
saúde. Entre estas cuestións, están introducir alimentos producidos nas
explotación galegas nos menús dos centros públicos (escolares, hospitais, etc),
facilitar base territorial ás persoas que a demandaren para a produción de
alimentos e estabelecer medidas de cotas á seguridade social reducidas e
adaptadas a este tipo de actividade produtiva, e o mesmo en relación coa súa
fiscalidade, Cómpre tamén estabelecer liñas de axuda para que a introdución de
elementos de identificación e a introdución de guías de boas prácticas non sexa
un gasto engadido ás producións. Solicitar do Goberno Galego que impulse unha marca de
calidade que ampare e identifique os produtos da horta galega, que acadaren os
requirimentos de calidade definidos en consenso co sector.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.