Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, comisaron máis de 11.400 quilos de peixe e marisco e incautaron 333 útiles de pesca e 4.100 metros de artes de enmalle en distintos operativos realizados polo litoral galego nos últimos días.
A maioría do peixe comisado pertence a un operativo de control de comercialización por estrada realizado o martes en Mondoñedo, no que axentes do servizo de Gardacostas, en colaboración con axentes do Seprona de Xove e da Garda Civil de Tráfico de Burela, requisaron 9.170 quilos de xarda. Ademais en Viveiro os axentes comisaron 10,5 quilos de marisco, a maioría percebe e tres artes.
A ría de Arousa tamén foi escenario de varios operativos, que se saldaron co comiso de 920 quilos de peixe e marisco e coa incautación de 228 artes e 1.700 metros de artes de enmalle. A actuación máis significativa foi a que se realizou no porto de Ribeira a semana pasada onde os gardacostas requisaron 229 quilos de distintas especies, a maioría centola. O marisco estaba fondeado nos pantaláns do porto e dentro de seis viveiros e sacos de rede, tamén incautados por estar sen identificar.
A maiores, nas actuacións realizadas na área da ría de Pontevedra os axentes requisaron 600 quilos de peixe e marisco, 67 útiles e 1.425 metros de artes de enmalle. A maioría de peixe comisado, 350 quilos, é xarda, requisada nunha inspección en Marín. Ademais as inspeccións realizadasna ría de Vigo saldáronse co comiso de máis de 31 quilos, tres aparellos e 1.000 metros de artes de enmalle.
Tamén houbo decomisos nas rías da Coruña, Ferrol e Muros-Noia cun total de 700 quilos de peixe e marisco.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.