Un cento de afectados polas participacións preferentes e obrigacións subordinadas de Marín-Pontevedra, Vigo-Val Miñor e O Morrazo, protagonizaron onte pola tarde unha nova mobilización polas rúas de Pontevedra. Insisten en recuperar todo o seu diñeiro e en que non se descarte a vía da arbitraxe para solucionar esta problemática.
Baixo numerosas pancartas nas que reclaman que os estafados por Novagalicia Banco "queremos solucións e que os responsables vaian a prisión", os afectados optaron esta vez por disfrazarse con traxes de presidiarios e portar cadeas, esposas e grillóns como modo de facer ver como se senten, "atrapados nun produto tóxico que non solicitáramos", aseguraba un dos afectados.
Esta nova manifestación dos afectados, que se estendeu durante dúas horas, percorreu diferentes sucursais de Novagalicia Banco na capital da provincia, entre elas as de Benito Corbal, García Camba e Augusto García Sánchez, e finalizou nas inmediacións da Subdelegación do Goberno de Pontevedra. Nela, parodiaron ademais a xuíces, políticos e directivos da entidade bancaria.
Ademais de continuar coas mobilizacións, os afectados polas preferentes continúan recibindo o apoio dos partidos políticos. Os membros da Plataforma de O Salnés, que levan varias semanas encerrados no Concello de Sanxenxo, mantiveron un encontro con representantes de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), entre eles, o deputado Juan Fajardo; e hoxe entrevistaranse cos socialistas Guillermo Meijón, Patricia Vilán e Santos Héctor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.