Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

13 de marzo de 2021

ARQUIVADAS AS DENUNCIAS CONTRA FÁTIMA ABAL


Acabou a campaña de acoso e difamación contra a alcaldesa de ⁦Cambados, Fátima Abal.

O xulgado arquivou a última das pezas derivadas das 50 páxinas de mentiras dunha denuncia interposta en 2017. “Estou orgullosa de ser a alcaldesa e síntome máis forte que nunca”.
Declaracións resumidas de Fátima Abal. Aquí

A ALCALDESA DE CAMBADOS, FÁTIMA ABAL, DECLÁRASE MÁIS FORTE E COMPROMETIDA QUE NUNCA PARA TRABALLAR POLO SEU POBO TRALO ARQUIVO DE TÓDALAS PEZAS XUDICIAIS ABERTAS CONTRA ELA 

AFIRMA TER SIDO VÍTIMA DUNHA CAMPAÑA DE ACOSO QUE DUROU CATRO ANOS E QUE ESTIVO FUNDAMENTADA EN MENTIRAS E CALUMNIAS PROPAGADAS POLO DENUNCIANTE, PERO TAMÉN POR INTERESES POLÍTICOS

FÁTIMA ABAL SUBLIÑA QUE CORREU CON TÓDOLOS GASTOS DA SÚA DEFENSA, SEN QUE OS PROCEDEMENTOS LLE TEÑAN COSTADO UN SÓ EURO AO CONCELLO DE CAMBADOS

“EU NON NECESITO QUE ME PIDAN PERDÓN, PERO QUEN LLE PIDE AGORA PERDÓN Á MIÑA  FAMILIA, AOS MEUS SERES QUERIDOS?” 

A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal Roma, compareceu hoxe para anunciar o arquivo definitivo das sete pezas de investigación que tiña abertas o Xulgado de Instrucción tras unha denuncia interposta no ano 2017. Unha denuncia que, sostén Fátima Abal, agocha intereses políticos clarísimos, pois aínda que foi presentada por unha persoa houbo quen estivo detrás e tentou de tirar rédito político. Remata así unha longa campaña  de acoso, baseada en mentiras e calumnias que foron desacreditadas polos autos xudiciais de arquivo, “que foron caendo como fichas de dominó”.

 

“Hoxe remata unha campaña de acoso que tan só conseguiu reforzarme na miña convicción  de que Cambados necesitaba un cambio e de que estamos a traballar na dirección correcta, na liña recta”, afirmou. Abal asegura sentirse “máis forte e con máis ganas que nunca de ser a alcaldesa de tódalas veciñas e veciños de Cambados, voten a quen voten” e engadiu que ten “a cabeza e  o corazón en Cambados“  e está disposta a afrontar os retos que “os momentos tan complicados como os que vivimos agudizaron”.

Fátima Abal lembrou que, a partir  dunha denuncia con 50 folios cheos de falsidades, tivo que ir declarar en tres ocasións nas sete pezas xudiciais abertas polos supostos delictos de cohecho, malversación, prevaricación, revelación de segredos, inxurias e calumnias, delito contra a integridade moral e lesións psíquicas por acoso laboral. “Un popurrí do Código Penal, un pouco de todo; podería facer bromas con outros posibles delitos que poderían imputarme se non estiveramos falando dun asunto extremadamente serio e que non lle desexo a ninguén“, afirmou.

A primeira  edil recalcou que a súa defensa non lle custou nin un só euro ao Concello de Cambados, pois decidiu asumila persoalmente  do seu peto, “a pesar de que tiña perfecto dereito a contar con representación legal a cargo do Concello”. Por este motivo, e no marco deste compromiso ético de non utilizar fondos municipais, agora valorará se interpón  algún tipo de acción xudicial polos danos irreparables que esta denuncia falsa lle ten causado. Máis aínda, engadiu, cando é a segunda vez que se pon en marcha unha campaña  de difamacións contra  ela e a súa familia.

Fátima Abal destacou que non se pode pasar por alto que ela é a primeira muller que ocupa a Alcaldía de Cambados “e pode ser que alguén entendera  erroneamente que podía intentar manipularme ou asustarme, pero que teña moi claro, tanto o que deu a cara na  denuncia como os que non a deron, que a min non se me doblega”. “Quen vaia contra Cambados vaime ter en contra sempre”.

Na súa comparecencia explicou que estas campañas de  acoso deixan un rastro imposible de borrar como demostra o feito de que se se busca “Fátima Abal investigada”, “Fátima Abal imputada” ou “Fátima Abal xulgada” en Google atoparanse milleiros de entradas a sitios web. “E a min non me xulgaron na miña vida e se tiven que ir declarar tres veces ao xulgado foi por denuncias falsas, como vén de quedar acreditado“. “Son a alcaldesa máis investigada de Galicia e en toda a miña vida non cometín un só delicto”, recalcou.

Por todo isto preguntouse quen vai borrar todo ese rastro de ignominia, quen lle devolve o honor e se alguén ten agora a dignidade de pedir desculpas á súa familia. “Eu non necesito que me pidan desculpas, porque non quero as desculpas de xente pouco exemplar, nin de políticos de segunda fila que tratan de utilizar este tipo de cuestións para conseguir o que non conseguen nas urnas. Pero a miña familia? Os meus seres queridos? Non merecen que lles pidan desculpas? Porque todos sabemos que tamén se meteron con eles. Que a casa da miña nai foi utilizada pola dirección do Partido Popular en Cambados, que se atreveu a exhibir fotos da casa onde vive unha muller traballadora, exemplar e a mellor nai do mundo! Non se lles cae agora a cara de vergonza, señores e señoras do PP?“  “A única cicatriz que me deixa este vergoñento asunto é o dano e o sufrimento que se lle fixo pasar  á miña familia”, recalcou. Con todo, a rexedora cambadesa tivo palabras  de agradecemento para “toda a xente que simpatiza co Partido Popular e que me expresou o seu apoio persoal e o seu desacordo co que facían dende o grupo municipal”.

A alcaldesa  rematou agradecendo o traballo da Xustiza “na que sempre tiven plena confianza, porque a xente que se sabe honrada non ten nada que temer”. “Quen entra tódolos días pola porta do Concello para traballar por Cambados non ten nada que temer. Por iso non me desviaron nin un só día, máis alá do tempo que tiven que dedicar ás comparecencias xudiciais, ás sesións coa miña representación legal e o que dedico a esta rolda de prensa”. Abal, de feito, recalcou que nunca fixo declaración algunha sobre este  asunto e que hoxe, por primeira e última vez, abórdao publicamente, “aínda que outros si falaron, pero moito me temo que agora calarán”.

Abal rematou agradecendo o apoio das cambadeses e cambadeses, así como o traballo dos medios de comunicación durante estes catro anos. “Teño a convicción firme de que os medios teñen a importante misión de axudar a fiscalizar o labor dos que nos dedicamos ao público. Só pido que agora se destaque tamén que todas esas páxinas, todos eses minutos de  radio, todos eses posts en Redes Sociais quedaron sen sentido, porque todo o que se dicía era falso”.  “Como adoita dicir Salvador Illa, hoxe pasamos páxina. Acabouse. Hai moito traballo por diante. Estou orgullosa de ser a alcaldesa de tódalas veciñas e veciñas  e non me arrepentín un só día de ter dado o paso porque entendo ese cargo como unha responsabilidade enorme e unha oportunidade para servir  ao meu pobo”.

 


No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.