Galicia En Común afirma que a Xunta coñecía os problemas en residencias
O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, denunciou este sábado que a Xunta coñecía a situación deficiente que presentaban as residencias de maiores en Galicia. Segundo apunta Gómez-Reino nun comunicado, «a Xunta coñecía desde hai anos as deficiencias que padecen as residencias das empresas DomusVi -con 29 centros repartidos en 23 municipios galegos- e a Fundación San Rosendo -que xestiona en Galicia 45 residencias e 12 apartamentos tutelados para maiores-». A pesar diso, indica que desde o Goberno galego «non se fixo nada por resolver nin as graves carencias de medios materiais e humanos nin os reiterados incumprimentos das condicións contractuais de xestión». Así, entenden que aínda que «hoxe é hora de salvar vidas», unha vez pasada a pandemia será o momento de acabar «co modelo de recortes e privatizacións nos programas de asistencia ás persoas da terceira idade en Galicia».
O BNG propón atrasar as rebaixas de verán «mínimo» a agosto para axudar ao pequeno comercio
O BNG ofreceu este sábado propostas para o pequeno comercio galego. Entre elas, explicou a líder do partido, Ana Pontón, está o atraso «mínimo» ata agosto do período de rebaixas. «A liberación de horarios e descontos beneficia ás grandes multinacionais pero esnaquiza ao pequeno comercio», recolle a formación nacionalista. Tamén pide 2.000 euros como subvención directa para autónomos e «axilizar» a tramitación de axudas para o colectivo.
O PSdeG segue vendo á Xunta «confrontando co Goberno»
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu este sábado ao Goberno galego que «cumpra coas súas competencias aumentando persoais de hospitais e residencias e as medidas de protección para traballadores sanitarios e de servizos sociais». Ademais, nunha nota remitida aos medios, pide á Xunta «deixar de confrontar co Goberno» do Estado. Hoxe mesmo a Xunta volveu a insistir que os test rápidos enviados polo Goberno «necesitan complementarse con probas de PCR» xa que «non permiten o diagnóstico clínico dunha posible infección por coronavirus».

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.