TELÉFONOS DE INTERESE

13 de noviembre de 2019

PRESENTADA A URBANIZACIÓN DAS CASAS DOS MESTRES DO MAGARIÑOS E AS OBRAS DO COMEDOR DO SAN TOMÉ



O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o CEP Antonio Magariños Palacios de Cambados para presentar á comunidade educativa o proxecto de demolición das antigas vivendas de mestres e da urbanización desta parcela co obxectivo de ampliar o patio escolar.
Nesta visita, o delegado territorial estivo acompañado da alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, así como do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e dos responsables dos centro educativos.

Estas obras, que contan cun orzamento de 114.000 euros, suporán a demolición de 10 das 12 vivendas pareadas con edificacións auxiliares adosadas, que ocupan a parte norte da parcela do colexio. Dous destes edificios quedarán en mans da asociación de pais e nais do colexio.
Tal e como explicou Cores Tourís, o obxectivo deste proxecto é liberar este espazo para poder ampliar o patio escolar e así converter esta zona nun lugar de esparcemento e actividades para uso do centro educativo. O centro incluso ten pensado poñer en marcha unha horta escolar.
A demolición das vivendas, segundo matizou o delegado territorial, “realízase despois de que se comprobase que as mesmas atópanse deshabitadas e sen uso. O terreo que queda libre regularizarase, eliminando as soleiras, os pavimentos e peches existentes, podaranse as árbores e actuarase no peche da parcela”. Ademais, levantarase o cercado norte para construír outro igual ao existente, de sillares de granito, complementándose a actuación cunha malla metálica.
Este venres remata o prazo administrativo e contratarase a empresa que executará os traballos en canto o concello aporte a licencia de obra. O prazo de execución será de tres meses.

Comedor Santo Tomé

Por outra banda, aproveitando a visita a Cambados, o delegado territorial entregou á alcaldesa de Cambados o convenio que se vai firmar entre a Consellería de Educación e o municipio de cara á instalación dun servizo de comedor escolar no CEIP Santo Tomé.
As actuacións teñen un orzamento de 120.000 euros e se executarán sobre un inmoble de titularidade municipal adscrito a uso educativo. “Non podemos esquecer que nestes intres é necesaria a colaboración entre administracións para a poder afrontar unha obra destas características”, explicou Cores Tourís, “deste xeito”, engadiu, “os convenios entre administracións constitúen un instrumento adecuado para desenvolver a súa cooperación en cuestións de interese común”. As obras serán así financiadas ao 50% entre ambas institucións.
Os traballos executaranse durante o próximo verán de cara a que poida abrir o servizo no curso educativo 2020-21, cunha capacidade de cerca de cen usuarios.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.