TELÉFONOS DE INTERESE

13 de noviembre de 2019

A ALERTA LARANXA PASA A VERMELLA NA COSTA GALEGA


A previsión da Axencia Estatal de Meteoroloxía informa dun episodio adverso de nivel LARANXA por vento moi forte na costa e ondas no mar que poden superar os oito metros de altura na Coruña, Pontevedra e Lugo. Co paso das horas, a situación empeorará, especialmente, no litoral da Coruña e Pontevedra, onde pasaremos de nivel laranxa a VERMELLO. Deste xeito, as ondas aumentarán o seu tamaño ata alcanzar os nove metros, salvo na Costa da Morte, onde incluso poderán chegar aos dez metros de altura.
Cómpre salientar que este episodio adverso coincide con mareas vivas, que, no momento da preamar, pode dar lugar a inundacións no litoral da Costa da Morte e as Rías Baixas.
Esta situación comezará nas primeiras horas desta tarde e irá en aumento a partir da madrugada do día 14/11/19, cando alcanzaremos o nivel de alerta VERMELLO.
A situación meteorolóxica adversa de nivel VERMELLO no mar obríganos a extremar as precaucións para tratar de reducir posibles riscos. 
Con estas condicións, que podemos esperar?
  • Ondas moi altas e vento costeiro
  • Embarcacións ou outras estruturas marítimas á deriva
  • Desbordamentos e inundacións pola chea da marea
  • Obxectos e mobiliario urbano arrastrado polo mar
Por iso, desde o 112 Galicia, pedimos que sigas atentamente estas indicacións:
  • Non saias navegar, pescar ou prácticar deportes acuáticos
  • Afástate dos paseos marítimos, diques, rompentes, praias, cantís
  • Respecta os cordóns de seguridade e as indicacións dos axentes
  • Por moito que a ondada te asombre, nunca pares a tomar fotografías

Suspensión clases na Montaña de Lugo

A Comisión Escolar de Alertas tomou hoxe a decisión de suspender mañá, xoves 14 de novembro, a actividade lectiva na zonas de predición meteorolóxica da Montaña de Lugo debido a un fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por espesores de neve superiores a 20 centímetros.
A suspensión de clases afectará nesta zona a 789 alumnas e alumnos de 15 centros .Como é habitual nestas circunstancias, no caso de que a situación meteorolóxica supuxese un risco superior ao declarado nas zonas non afectadas pola suspensión, os directores poderán adoptar as decisións oportunas a este respecto.
A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia (http://www.meteogalicia.gal/datosred/infoweb/meteo/docs/adversos/DefinicionZonasAdversos_gl.pdf).

Suspensión actividades pesqueiras e marisqueiras

Por mor do temporal costeiro, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Unha recomendación que é extensible á pesca deportiva e a outras actividades deportivas no mar. Tamén se insta a extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera outro tipo de actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas. . Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

INFORMACIÓN SOBRE A SITUACIÓN DOS RÍOS

Segundo os sistemas de observación e control de Augas de Galicia, en colaboración con Meteogalicia, o caudal dos ríos vai en aumento, polo que existe risco de enchentes puntuais na contorna do Ouro, Covo, Landro, Eume, Mandeo, Xallas, Tambre, Ulla, Umia, Lérez, Verdugo e Oitavén.
Tamén, a través dos sistemas de vixilancia dos caudais na Confederación Hidrográfica Miño-Sil, coñecemos a situación do río Ladra cuxo caudal sobe e, consecuentemente, aumentan as posibilidades de enchentes puntuais na súa contorna.
Deste xeito, cómpre prestar atención a estas medidas que nos poden axudar a reducir riscos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.