TELÉFONOS DE INTERESE

13 de noviembre de 2019

CAMBADOS CELEBRA O DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO

O 16 de novembro de 1972 asinábase en Paris a Convención Patrimonio Mundial Cultural e Natural, que sentaba as bases para desenvolver este tipo de protección que o patrimonio requiría. Para conmemorar esa data, cada 16 de novembro celébrase o Día Internacional do Patrimonio Mundial, e moitos Concellos súmanse á celebración con actividades especiais.
Cambados súmase este ano a esta iniciativa de celebración. Neste senso, organízanse unha xornada con unha visita guiada ao Pazo de Fefiñans organizada pola “Asociación de amigos de Fefiñans” para 20 persoas, unha mesa redonda baixo o titulo “O Patrimonio Histórico de Cambados”, e a presentación dos proxectos de restauración e conservación previstas para o vindeiro ano das obras de singular relevancia do Concello de Cambados.
Ás 12:00 h comezaran as xornadas coa visita guiada ao Pazo de Fefiñans, para logo, ás 13:00 h realizar a mesa redonda na que participaran o Técnico Municipal de Patrimonio, Javier Montero, os Historiadores locais, Maribel Iglesias e Gumersindo Montero, xunto coa Diseñadora e Arquitecta, María Nuñez e o restaurador José Rey Aguiño. Nestas xornadas tamén se fara a presentación e explicación do laborioso proceso de restauración de obras de gran valor e calidade que forman parte do patrimonio municipal, como son o Proxecto de Restauración e Conservación do Cruceiro de Terra Santa (O Cruceiro- Vilariño) cun Orzamento de 12.434,31 €., a Colaboración para a Restauración do Conxunto Escultórico da Divina Pastora (Capela da Pastora), e o Proxecto de eliminación e limpeza de “grafittis” no muro Norte da Capela da Pastora, no que se aproveitará para eliminar as xuntas actuais de cemento “Portlan” para a execución dun novo encintado de morteiro que se integre mellor coa fábrica de pedra. Este proxecto está presupostado nun total de 7.000 €.
Tamén se explicará a Recuperación das pezas de pedra que formaban a canle de abastecemento de auga do antigo Convento de San Francisco, que serán depositadas no xardín da Igrexa Parroquial, como recordo e evocación dun dos elementos esenciais da antiga finca do Convento.
Traballos de Arqueoloxía na Torre
Por outra banda no vindeiro ano esta previsto dende o departamento de Patrimonio a construción dun gavión para protexer as estruturas arqueolóxicas e o levantamento dun mapa topográfico do subsolo mediante xeorradar na Illa de San Saturniño. Empregarase esta técnica non invasiva co fin de obter información sobre as estruturas antigas soterradas no subsolo da Illa sen necesidade dunha intervención que altere a súa orografía e topografía, xa moi deteriorada pola acción das mareas e do cambio climático. Con esta técnica preténdese estudar os restos existentes para verificar a existencia da antiga casa-pazo e da capela edificadas na Baixa Idade Media, así como outros restos de épocas anteriores, profundizando no coñecemento desta Illa da Figueira como cerne da Vila de Santomé.
Tamén dentro do Conxunto Histórico de Cambados dende a area de Patrimonio imos manter o compromiso para axilizar os prazos nas licenzas de obra mediante a redución da perioicidade das Comisións de Patrimonio, xa se celebraron unha no mes de outubro e outra no mes de novembro, e a apertura dunha nova Convocatoria 2020 para a solicitude de axudas a fondo perdido para a restauración e rehabilitación de vivendas no Conxunto Histórico, cunha dotación de 150.000 €, que se engadirán aos 55.000 € xa executados no 2019.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.