O Concello de Cambados albergou a presentación oficial do campionato.
Celta, Deportivo, Bertamiráns e Pabellón Ourense disputaranse o trono autonómico da categoría o próximo sábado día 4 de maio no campo de Burgáns, en Cambados
Luces, cámaras e acción! A Fase Final da Liga Galega Infantil xa está ao virar a esquina e o Concello de Cambados albergou esta mañá o acto co que se dá o pistoletazo inicial a esta competición. O consistorio local acolleu a presentación oficial do evento nunha rolda de prensa á que asistiron o concelleiro de Deportes, Vitor Caamaño; o presidente do Club Juventud de Cambados, Matías Fontán; e o delegado da Real Federación Galega de Fútbol en Pontevedra, Jaime Otero.
O histórico campo de fútbol de Burgáns, en Cambados, xa conta as horas para abrir as súas portas. A ocasión non é para menos, debido a que en Burgáns disputarase o vindeiro sábado día 4 de maio a Fase Final da Liga Galega Infantil, unha xornada na que se poñerá nome e apelidos ao novo campión autonómico da categoría.
Os catro equipos que loitarán por ocupar o único trono desta Liga Galega Infantil serán o RC Deportivo, RC Celta, Bertamiráns FC e Pabellón Ourense CF. O RC Deportivo comparecerá en Cambados como primeiro clasificado e o RC Celta como segundo. O Bertamiráns é o terceiro do grupo e o Pabellón de Ourense o cuarto ao remate da fase regular da competición.
Semifinais e final
A Fase Final da Liga Galega Infantil dispútase baixo o formato de semifinais e final. O primeiro clasificado, o RC Deportivo, enfrontarase en Cambados contra o cuarto, o Pabellón Ourense, mentres que o segundo na táboa, o RC Celta, medirase co terceiro, o Bertamiráns.
Horarios
10:30 Semifinal RC Celta - Bertamiráns
12:00 Semifinal RC Deportivo - Pabellón Ourense
16:00 Terceiro e cuarto posto
17:30 Final
*Os partidos terán unha duración de 30 minutos cada parte.
Entrada de balde
Cómpre sinalar que o acceso ao campo de fútbol de Burgáns para gozar con esta Fase Final da Liga Galega Infantil é gratuíta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.