Un total de 178 persoas maiores de 50 anos da provincia chegarán a partir deste domingo 15 de outubro ao Hotel Carlos I de Sanxenxo, ao Hotel Talaso Atlántico de Oia e ao Hotel Eurostars de A Toxa dentro programa da Deputación de Pontevedra "Depotermal 2017". Este programa ten por obxectivos fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, facilitando o acceso ao turismo de saúde a persoas que doutro xeito non poderían beneficiarse da súa dobre función como período de vacacións e tratamento sanitario. Ademais, "DepoTermal" pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.
"Depotermal" tamén promove espazos de encontro e intercambio de experiencias, co fin de evitar o illamento das persoas maiores e as situacións de soidade que poidan levar á súa vulnerabilidade. Trátase dunha iniciativa que se desenvolve entre setembro e decembro e da que se benefician 4.000 maiores da provincia, a través de estancias en establecementos termais coa modalidade só diúrna, acudindo diariamente durante cinco días consecutivos, ou con aloxamento completo de domingo a venres.
Así, desde este domingo ata o vindeiro venres 20 de outubro, 93 maiores da provincia de Pontevedra gozarán dunha estancia completa no Hotel Spa Carlos I de Silgar, en Sanxenxo, e 35 no Hotel Talaso Atlántico de Oia. Todas as persoas proveñen dos concellos de Vigo, Mos, Pontevedra, O Porriño, Cangas, Ponteareas, Nigrán, Vilaboa, Marín, Catoira, Valga, Vilagarcía de Arousa, A Lama, Cuntis e Cambados.
Ademais, a partir do vindeiro luns 16 de outubro, 50 persoas chegadas dos concellos de Meis, Meaño, Pontevedra e Sanxenxo aproveitarán a modalidade diúrna de "Depotermal" no Hotel Eurostars da Illa de A Toxa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.