TELÉFONOS DE INTERESE

13 de octubre de 2017

CAMBADOS PROTAGONISTA NAS NOVAS XORNADAS "EN RUTA COA DEPO"







En Ruta coa Depo



O programa da Deputación de Pontevedra "En Ruta coa Depo" organiza esta próxima fin de semana 13 novas saídas que contarán coa participación de 927 persoas de 14 asociacións. Estas excursións, que terán lugar o sábado e domingo, permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.
Para comezar, este sábado 14 de outubro haberá 7 excursións nas que participarán un total de 459 persoas da provincia. Máis polo miúdo, 95 persoas do Círculo Cultural Abrente, de Mos, farán unha ruta temática polo pazo de Lourizán, o pazo de Gandarón e o pazo de Oca. Pola súa banda, 54 usuarios e usuarias da Unión de Pensionistas e Xubilados Provincial de Pontevedra, de Vigo, farán unha ruta cultural por Cambados, Cidade Europea do Viño. Tamén, 51 persoas da Asociación de Veciños O Árbol, de Tomiño, visitarán o conxunto histórico de Cuntis, e 51 persoas da Asociación de Amigos dos Pazos, de Vigo, farán unha ruta cultural por Agolada e Vila de Cruces. Ademais, 54 usuarias e usuarios da Asociación Cultural Parroquial As Angustias, de Nigrán, terán a oportunidade de facer unha ruta cultural por Meis e 53 persoas da Asociación de Mulleres Xestas de Bembrive, de Vigo, poderán coñecer o Santuario de Santa María da Franqueira, na Cañiza, e o serradoiro dos Carranos e a reitoral de Barciademera, en Covelo. Por último, ese mesmo sábado, 50 persoas da Asociación de Mulleres Rurais A Pícara, da Lama, e 51 da Asociación de Mulleres Dorna, de Vigo, visitarán o conxunto histórico de Baiona, a Casa da Navegación, o paseo de Monte Boi e o paseo marítimo.
O domingo 15 de outubro, 107 usuarias e usuarios da Asociación de Veciños de Chapela farán a ruta temática que permite coñecer o pazo de Lourizán, o pazo de Gandarón e o pazo de Oca. Tamén se beneficiarán do programa "En ruta coa Depo" 53 persoas da Asociación de Veciños San Martiño de Borreiros, de Gondomar, que farán unha ruta cultural por Cambados, e 108 da Asociación de Veciños Outeiro do Castro, de Pontevedra, que percorrerán os arredores de Salvaterra do Miño visitando os puntos máis salientables culturalmente. Ademais destas actividades, 54 persoas da Asociación de Veciños Carballeira de Picoña, de Salceda de Caselas, farán unha ruta cultural por Silleda, e 92 persoas da Asociación San Salvador, de Ponteareas, visitarán a Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo. Para terminar, 33 persoas da Asociación de Nais e Pais A Oliveira, do Porriño, entre eles 21 nenas e nenos, percorrerán Pontevedra e Marín.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.