TELÉFONOS DE INTERESE

19 de octubre de 2017

SOMOS CAMBADOS PRESENTA UNHA MOCIÓN DE REXEITAMENTO Á PDL DE FOMENTO DA IMPLANTACIÓN DE INICIATIVAS EMPRESARIAIS EN GALICIA












Somos Cambados mobilízase en contra da Lei de Fomento Empresarial aprobada esta semana no Parlamento de Galicia cos votos en solitario do PP, e súmase á manifestación convocada para este domingo 22 de outubro ás 12 do mediodía na Alameda de Santiago

O Partido Popular presentou pola vía de urxencia a Proposición de Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, impedindo así o seu debate e exposición pública. Esta PDL modifica a lo menos unha ducia de leis, entre elas están a do sectores eólico, mineiro e forestal, pero tamén a de cooperativas, a de procedemento administrativo, a de taxas, prezos e exaccións, a de turismo, a de estradas, a do patrimonio cultural e a de conservación da natureza.
Moita da regulación de estas leis precisa actualización e traballo para adecualas o momento actual no que vivimos, pero non de esta forma, a través de Disposicións Derradeiras nunha nova lei. Precisan de debate cos sectores implicados, cos colectivos e axentes sociais e coa cidadanía. Teñen que debaterse publicamente, de forma transparente e teñen que ser participadas.
Esta PDL supón a liberalización de sectores estratéxicos para Galiza como son o eólico, mineiro ou forestal, facilitando a iniciativas empresariais só a grandes empresas e non as PEMES e autónomas, xa que a estas últimas non lles afectará esta PDL. A redución de trabas administrativas da que bota man o PP para xustificar a presentación desta Lei non é máis que facilitar os trámites ás grandes empresas mentres que aos pequenos se lle incrementan. Reducir os prazos a metade non implica que unha grande empresa poida ou non instalarse por ter unha rebaixa de 15 dias na tramitación pero si para que a xente que quera presentar alegacións a un proxecto non o poda facer, que é realmente o obxectivo do PP. O problema de Galiza non son as trabas administrativas senón o modelo que hai que cambiar por un que xere máis emprego, de calidade e que defenda o país, para poder combinar a actividade empresarial coa defensa do territorio, do país, da súa paisaxe e dos seus recursos.
En primeiro lugar a proposición de lei outórgalles aos proxectos empresariais máis facilidades para eludir os controis, debido a que fai máis sinxela a súa consideración como proxectos industriais estratéxicos, que se benefician dun menor control urbanístico, dunha declaración de utilidade pública, da prevalencia sobre outras utilidades públicas e que adquiren unha incidencia supramunicipal, polo que poden eludir o control dos concellos; así mesmo, poden obter adxudicacións directas de solo e maiores subvencións. O artigo 16 da norma reduce de 50 a 20 millóns de euros o volume de investimento mínimo necesario para que un proxecto sexa declarado estratéxico, e de 250 a 100 os postos de traballo directos creados.
No ámbito da minaría, toda Galicia será unha mina sen apenas regulación. A norma modifica a Lei 3/2008 da minaría de Galicia, reducindo os trámites para os novos proxectos mineiros, reducindo prazos e dando a Industria capacidade substantiva para resolver un proxecto ou solicitude de dereito mineiro á marxe das consideración dos concellos e doutros departamentos da administración (Medio Ambiente, Patrimonio, Urbanismo…). Modifícase o artigo referido á información pública para que o promotor poida solicitar a expropiación ou a utilidade pública xuntamente coa presentación do proxecto, sen agardar pola aprobación deste. Tamén se modifica o artigo 23, referido ás consultas ás administracións, de xeito que os actuais informes preceptivos (Medio Ambiente, Augas e Costas…) deixan de ser determinantes. Agora, aínda que estes informes sexan contrarios, se o criterio de Industria é outro, o proxecto segue adiante. O prazo para a emisión destes informes preceptivos baixa de dous meses a tan só un mes e a lei establece que se os informes se reciben fóra de prazo, non serán tidos en conta.
No ámbito eólico, a lei modifica a tramitación administrativa dos parques eólicos, suprimindo o antigo 34 da lei 8/2009 que fixaba os criterios de valoración para poder escoller entre diferentes solicitudes de proxectos. Entre eses criterios figuraban a menor afección ambiental, o compromiso de desenvolver un proxecto industrial ou o compromiso de repotenciamento dos parques xa instalados. Ademais, o proceso de expropiación dos montes veciñais en man común afectados por un proxecto eólico pasa a ser regulamentado por esta norma. Así mesmo, introdúcense os denominados proxectos de especial interese, referidos a proxectos de produción de enerxía eléctrica con renovables (eólica, biomasa, hidroeléctrica…), que obterán tramitación prioritaria e automaticamente consideraranse prevalentes sobre outras actividades.
No ámbito eólico, a lei modifica a tramitación administrativa dos parques eólicos, suprimindo o antigo 34 da lei 8/2009 que fixaba os criterios de valoración para poder escoller entre diferentes solicitudes de proxectos. Entre eses criterios figuraban a menor afección ambiental, o compromiso de desenvolver un proxecto industrial ou o compromiso de repotenciamento dos parques xa instalados.
A Lei de Montes tamén é modificada. Muda o artigo 92, relativo ás autorizacións para os aproveitamentos madeireiros, antes necesarias en todos os casos (con excepción do uso doméstico) e polo que agora só haberá que pedir autorización cando haxa frondosas autóctonas. Para o resto das especies, abonda cunha declaración responsable. Tamén hai cambios tamén na Lei de Conservación da Natureza, introducindo limitacións á protección dos espazos da Rede Natura. Así, introdúcese unha excepción para os aproveitamentos madeireiros nas zonas de especial protección dos valores naturais (agora ZEC) da Rede Natura, que non precisarán de autorización de Medio Ambiente e que só se rexerán pola Lei de Montes. Deste xeito, equipáranse estes usos (cortas, plantacións…) aos tradicionais.
Por tal motivo o Grupo municipal de Somos Cambados vai presentar neste pleno do mes de outubro esta moción en contra da proposición de Lei do PP de fomento da implantación de iniciativas empresariais de Galicia, un texto feito ao ditado dos lobbies económicos e empresariais e contra o interese xeral do noso país. O Portavoz de Somos Cambados, Tino Cordal, amosou o total rexeitamento do seu grupo a unha lei que pretende, converter a Galiza nun territorio colonial para vendela ás grandes empresas.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.