Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

17 de noviembre de 2016

A DEPUTACIÓN AUMENTA O SEU PRESUPOSTO ATA OS 152,4 MILLÓNS











A Deputación contará cun orzamento de 152,4 millóns de euros orientado aos concellos da provincia

A Presidenta e o Vicepresidente , Carmela Silva e César Mosquera, presentan os catro eixes principais das políticas económicas do novo goberno provincial
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o Vicepresidente, César Mosquera, presentaron hoxe os orzamentos da institución provincial que ascenden ate 152,4 millóns de euros o que representa un 0,3 por cento máis que o ano 2016. O orzamento consolidado, sumando a Fundación da Escola Universitaria de Enfermaría, o Consorcio Provincial Contra Incendios e o Consorcio contra incendios Deza-Tabeirós acada a cifra de 155,4 millóns de €.
A Presidenta destacou que o orzamento é o instrumento para o desenrolo das políticas do novo goberno provincial no que son catro os eixos principais que vertebran a xestión da Deputación de Pontevedra: os concellos, o emprego, a igualdade e a cohesión social.
O vicepresidente César Mosquera sinalou, pola súa banda, que o feito de que a Deputación sexa a primeira institución da provincia que presenta os orzamentos para o ano 2017 é unha demostración de que o goberno ten "unha saúde de ferro", así como indicador de "solvencia, boa xestión e facilidade de entendemento".
En canto ó primeiro obxectivo, os concellos, Carmela Silva subliñou que o novo goberno da Deputación "recuperou o protagonismo dos concellos, cun trato de igual a igual, de colaboración, apoio e asistencia no desenvolvemento das súas competencias, respectando sempre a autonomía local e baseado na cooperación municipal para garantir a sustentabilidade económica-financiera dos mesmos". Silva engadiu que "no 2017, ó igual que no 2016, non vai haber reparticións discrecionais senón criterios obxectivos, claros e transparentes".
Neste contexto, o Plan Concellos 2017 contará cun orzamento de 41,2 millóns de €, 1,2 millóns de € máis, para garantir a sostenibilidade económica dos concellos con menos de 50.000 habitantes, "ó que – tal e como engadiu Silva – hai que sumar todo o financiamento das diversas áreas que repercuten directamente nos mesmos. De feito, o 27% do total de gastos do orzamento da Deputación no 2017, un 1% máis que no 2016, destínase directamente ós concellos e o Plan Concellos triplica esta media".

Como novidade,  este ano contémplanse máis recursos para os concellos máis pequenos. A Presidenta da Deputación  manifestou ó respecto que "se ben no 2016 se destinaba un 30% ós concellos de menos de 10.000 habitantes, un 40% ós de entre 10.001 e 20.000 e un 30% ós de entre 20.001 e 50.000, no 2017 o reparto será do 40% para os concellos de menos de 10.000 habitantes, do 35% para os que teñan entre 10.001 e 20.000 e o 25% para aqueles que teñan poboacións comprendidas entre os 20.001 e 50.000 habitantes".
Así mesmo, Mosquera destacou que se están a cumprir os compromisos adquiridos cos concellos porque "temos un programa de goberno que marca a nosa folla de ruta que imos executando cos orzamentos de cada ano". Nese sentido, o nacionalista recoñeceu que as contas para 2017 son "profundamente continuístas" porque buscan a aplicación duns eixos de goberno polos que se aposta claramente: "Malo sería se houbera un cambio de liña, xa que remataría todo nun desastre. Estamos contentos de ir resolvendo os problemas que nos transmiten os concellos e seguiremos sendo continuístas en que non haxa fondos de libre disposición e en desenvolver a estratexia de turismo, compostaxe ou mobilidade, porque atenden necesidades".
En demostración do compromiso do goberno provincial cos concellos, Mosquera explicou que deixando a un lado os gastos propios de persoal (nóminas), o gasto corrente (luz, auga, pago de facturas), fondo de continxencia e pago de débedas  -que supoñen 80 millóns de euros-, a institución provincial dispón de 70 millóns para organizar e distribuír. "Hai 28 millóns en transferencias correntes e 32 de transferencias de capital para os concellos. É dicir, 60 millóns van para os concellos e o gasto propio queda en apenas dez millóns para actuacións de Mobilidade e seguranza viaria nas estradas de titularidade provincial. De 70 dispoñibles, 60 van aos concellos: máis imposible, xa que só quedarían non pagar a luz para poder aportar máis aos municipios. Son cifras ‘gordas' e inapelables", salientou.
Tamén se incrementan os recursos para axudar ós concellos na sustentabilidade do seu medio natural, destinado case 4 millóns de € para o tratamento e xestión de residuos, para o subministro de composteiros, para a mellora dos montes e dos sistemas produtivos agropecuarios e pesqueiros. Silva manifestou que "ampliamos nun 44,2% as axudas para acompañar ós concellos na formación, orientación e despegue destes traballos, con persoal experto pero tamén con recursos económicos necesarios. Amais, a investigación que se desenvolve en Mouriscade e Areeiro recibirá un 1,3% máis de financiamento que no 2016".
En canto á asistencia municipal, destinarase un 89% máis para ampliar os medios humanos e materiais para que os concellos poidan avanzar nas prestacións de servizos e xestionar administrativamente nas mellores condicións. Tamén se investirá un millón de € no programa de anticipos que seguirá sen xuros e sen comisións.
O segundo dos obxectivos da Deputación é o fomento do emprego e da actividade económica.  Neste eido, as liñas para o fomento do emprego medran o 6,34% ata acadar 4,1 millóns de € ós que hai que engadir 9 millóns destinados ó emprego a través do Plan Concellos. En total, tal e como deu a coñecer a Presidenta da institución, "falamos de 13 millóns de €, o 8,5% do orzamento, para o fomento do emprego e a aposta pola formación e inserción laboral, ós que hai que engadir máis dun millón de euros para a modernización, innovación e maior competitividade das pemes da provincia e 500.000 € para rematar as infraestruturas de solo industrial e dotar ós polígonos de Barro e Lalín de maior atractivo para a implantación de empresas".
Carmela Silva tamén informou que 16,2 millóns de e se destinarán á mellora das infraestruturas provinciais, dotando de maior accesibilidade á provincia e de estradas de calidade para a veciñanza.
En canto ó turismo, a Deputación de Pontevedra destinará 4 millóns de euros, un 10,7% máis que no 2016, a apostar por esta actividade para, en palabras de Silva, "continuar reforzando un modelo de atracción turística que permita o desenvolvemento económico da provincia".
O terceiro obxectivo dos orzamentos da Deputación de Pontevedra para o 2017 é a igualdade, co fin de incrementar estruturas que desenvolvan políticas de igualdade e xeren recursos suficientes para o seu funcionamento. A Presidenta da institución provincial fixo fincapé en que "a igualdade entre mulleres e homes é unha das liñas de actuación prioritaria do goberno, xa o demostramos coa creación do servizo de igualdade pero agora queremos reforzar os seus medios destinando máis dun millón de €, un 41,3% máis que no 2016, para incorporar o principio de igualdade como un factor de cohesión social".
O cuarto grande obxectivo é acadar unha maior cohesión social, apostar polos servizos, a xuventude, a cultura e o deporte. Neste campo, o servizo de cohesión social contará cun orzamento de 5,5 millóns de € para o impulso dos servizos sociais municipais, un 7,4% máis que no 2016. Tamén a xuventude, a través do centro da Lanzada contará cun 6% máis de orzamento e 10,9 millóns de € se destinarán ó Centro Príncipe Felipe.
En canto ós servizos lingüísticos e promoción cultural, se destinarán 3,7 millóns de €, un 6,5% máis que no 2016, e a xestión do Museo e o patrimonio documental e bibliográfico recibirá máis de 6 millóns de e. O Museo recibirá un 4% máis que no 2016 e a Escola de Cantería tamén incrementará un 4,5% o seu orzamento. Pola súa banda, o deporte recibirá máis de 4 millóns de €, un 47% máis que no 2016.
Para finalizar, o vicepresidente manifestou a súa esperanza por que se consolide a liña de traballo do actual goberno, apostando por proxectos e financiamento claros, "e que os cantos de serea" que piden un cambio para "que se volva a funcionar cos cheque non volvan". "Os cartos son dos cidadáns e nós estamos de paso. Temos que gastalos para maior aproveitamento e beneficio dos administrados", insistiu.
Mosquera rematou a súa intervención cun "Parabéns, presidenta!" en recoñecemento do traballo e o acordo polos orzamentos, palabras que foron seguidas dun apertón de mans entre ambos dirixentes.
En conclusión, e en palabras da Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, "este orzamento e estes obxectivos, que veñen a incrementar as políticas dirixidas ás persoas, se poden resumir nun 30% do orzamento do gasto destinado ós concellos, con 41,2 millóns máis 3,3 millóns en liñas de axuda noutras áreas; nun 22,6% ó emprego, actividade económica e infraestruturas, con 34,5 millóns dirixidos a este fin; e 32,4 millóns para a igualdade, cohesión social, cultura, xuventude e deportes, un 21,1% do orzamento. En total, o 85,6% do orzamento de gastos da Deputación de Pontevedra no 2017 destinarase a estes grandes obxectivos globais".



No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.