
A afluencia de xente ao acto de presentación da candidatura desbordou por completo as expectativas dos máis optimistas. Pese a convocar o acto case exclusivamente polas redes sociais e apenas cunha ducia de carteis elaborados artesanalmente, máis de 200 veciños acudiron á chamada da candidatura encabezada por Tino Cordal.

Abriron o acto as intervencións d@s candidat@s Esther Castro Trigo, Silvia Vozza, Xan Galbán e Xesús Castro, quen logrou emocionar aos asistentes coa lectura da carta de apoio a SOMOS CAMBADOS publicada a través dos blogs e das redes sociais por Óscar Pardo Planas, emigrante en Estados Unidos, que representa o sentir da maioría dos centos de mozos e mozas cambadeses que tiveron que emigrar nos últimos anos na procura dun futuro que en Cambados non puideron atopar.

O acto rematou coa intervención do candidato á alcaldía, Tino Cordal, quen utilizou parte da súa intervención a criticar aos dirixentes do Partido Popular que fan da política unha profesión para enriquecerse: “Para os que pensan que Aragunde representa algo novo na política cambadesa, dicirlles que cando o noso candidato Marcos Daporta González estaba comezando preescolar, Aragunde xa estaba na política municipal vivindo dos impostos dos cidadáns. E para os que pensan que Aragunde representa algo distinto a Tourís, dicirlles que en 2014 dedicou 30.000 € a invitar aos seus colegas políticos do PP á comida do Albariño e só 7.000 € a becas para os estudantes de familias sen recursos… esas son as súas prioridades”.

En tan só un par de semanas, SOMOS CAMBADOS conseguiu recuperar a ilusión dun número de veciños e veciñas que aumenta día a día e que agora si cren posible derrotar ao PP despois de 28 anos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.