En SOMOS CAMBADOS cremos na PARTICIPACIÓN DEMOCRÁTICA DIRECTA. Somos unha candidatura veciñal, construída para pensar unicamente en Cambados. Estamos a realizar un traballo intenso para dar a coñecer o noso Programa de Goberno e queremos contrastalocoas demais formacións que se presentan ás eleccións. Consecuentemente,RECLAMAMOS A CELEBRACIÓN DUN DEBATE PÚBLICO DE TODAS AS CANDIDATURAS. Non poñemos ningunha condición previa. Só queremos que se cumpra o dereito dos veciños e veciñas a coñecer todas as propostas que se presentan ás eleccións.
Como ben afirma o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), na súa “Proposta para que a cidadanía coñeza as ofertas electorais”, os debates entre as distintas ofertas electorais son unha das condicións necesarias para que a cidadanía tome libremente a súa opción de voto. Así, segundo o CPXG, o criterio básico e principal que debe primar é o do interese cidadá, é dicir, o dereito da cidadanía a ser informada das distintas opcións políticas entre as que pode optar o 24 de maio. Entendemos que o debate debe ser un acontecemento social en si mesmo, non exclusivamente unha cita nun medio de comunicación.
Os veciños e veciñas de Cambados verían limitado este dereito a ser informad@s se só se celebra un debate no que estean unicamente presentes tres candidaturas,cando, ás vindeiras eleccións do 24 de maio, nos presentamos cinco.
Polo tanto, pedimos que se respecten plenamente todos os dereitos democráticos da cidadanía e se faga un debate aberto e público entre todas as candidaturas, no cal se sintan representados o maior número posible de cambadeses e cambadesas.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.