A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita hoxe no Diario Oficial da Unión Europea o contrato para a actualización e revisión do Plan Hidrolóxico de Galicia Costa por máis de 1,4 millóns de euros, que permitirá prestar apoio técnico especializado no desenvolvemento de todas as tarefas relacionadas co ciclo de planificación hidrolóxica, complementando os traballos desenvolvidos polo persoal técnico de Augas de Galicia.
O obxecto deste contrato é actualizar e mellorar os contidos do actual Plan Hidrolóxico Galicia Costa, analizando os últimos datos para a súa caracterización determinación dos recursos hídricos e rexistro dos seus usos, así como da evolución do estado das masas de auga en base ao programa de medidas que se está a aplicar.
O Plan Hidrolóxico é o máximo instrumento de ordenación da auga, recompila todos os datos sobre a súa calidade non só nos ríos senón tamén nas augas subterráneas e nas propias rías, establece que usos son compatibles co seu bo estado ecolóxico e as medidas que é necesario aplicar para acadar ou manter ese bo estado. Neste caso, trátase do Plan que é competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente co territorio das cuncas hidrográficas dos ríos que nacen e desembocan na Comunidade Autónoma, así como as rías de Galicia.
Mediante este apoio técnico especializado e multidisciplinar revisarase a delimitación das masas de auga, actualizaranse os inventarios de usos e demandas de auga, e mellorarase o inventario de presións e impactos producidos polas diferentes actividades de orixe humano que se desenvolven na demarcación. Incidirase especialmente naqueles aspectos que se determinaron como básicos durante o proceso de elaboración do Plan Hidrolóxico vixente, aprobado en 2012, afondando en determinadas cuestións como pode ser a contaminación por fontes difusas. O documento aprobado en 2012 foi o primeiro completamente adaptado á Directiva Marco da Auga, que é normativa europea de obrigado cumprimento.
Dende a Consellería de Medio Ambiente sinálase que é moi importante afondar neste segundo ciclo: a avaliación da análise económica dos usos da auga e da recuperación de custos dos servizos da auga, de cara a garantir nun futuro a sostibilidade dos servizos.
O contrato tamén axudará a valorar a repercusión que están a ter no estado das masas de auga as medidas propostas no Plan Hidrolóxico vixente, así como a redefinición dos seus obxectivos medioambientais, avaliando as medidas establecidas no actual Plan ou propoñendo outras novas a aplicar a partir do ano 2015.
Todos estes traballos serán desenvolvidos fomentado a imprescindible participación da sociedade, polo que Augas de Galicia ten o profundo compromiso de asegurarlle o papel protagonista durante todo o ciclo de planificación hidrolóxica de xeito que garanta o éxito deste proceso continuo.
Desta forma, a finais de 2015 poderase recompilar todo o traballo desenvolvido dende a aprobación do actual Plan Hidrolóxico nun novo documento, mellorado, de cara a afrontar os novos retos para os seguintes 6 anos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.