A Deputación provincial de Pontevedra convocou hoxe o premio Otero Pedrayo 2013, un certame de ámbito rexional e carácter anual que desenvolve cada ano unha das catro deputacións e que na presente edición lle corresponde precisamente á de Pontevedra.
O premio Otero Pedrayo ten por obxecto perpetuar e honrar a memoria do egrexio home das letras, premiar un labor que constituía unha contribución eminente á cultura galega e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ó esclarecemento e á mellora dos seus homes e institucións.
Poderán optar ó premio as persoas naturais nacidas en Galicia ou con residencia en calquera das súas catro provincias así como personalidades e institucións que se caractericen polo seu compromiso na difusión e mantemento da cultura galega.
A presentación das candidaturas que concorran ó premio poderá ser feita por calquera persoa física ou xurídica das anteriormente sinaladas, por entidades académicas, por calquera dos presidentes das deputacións provinciais, pola Xunta de Galicia ou polo mesmo xurado.
Deberá realizarse no prazo de tres meses e formularase nun escrito dirixido á Presidencia da Deputación de Pontevedra. Achegarase unha recensión biográfica da persoa ou agrupación que aspira ó premio; os documentos e antecedentes que se consideren de interese para o coñecemento da súa dimensión literaria ou científica; e cinco exemplares do traballo co que se opta ó premio. No caso de agrupacións e institucións tamén se acompañará un exemplar do regulamento ou os estatutos polos que se rexan.
O xurado que avaliará as propostas estará formado por representantes da Xunta, deputacións, universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, Real Academia Galega, Instituto Padre Sarmiento e cinco personalidades de recoñecida autoridade científica e literaria designadas pola Xunta e cada unha das deputacións provinciais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.