Cambados mellora a biblioteca municipal, o Centro Cultural A Merced e a iluminación pública cun investimento de 200.000 euros do Plan Concellos
O deputado Santos Héctor e a alcaldesa Fátima Abal fan un chamamento á Xunta de Galicia para que emule o modelo da Deputación e invista en Cambados "porque a súa veciñanza non é nin máis, nin menos que a doutros municipios"
O Concello de Cambados puido acometer diversas obras de mellora na Biblioteca Municipal Luís Rei, o Centro Sociocultural A Merced e a rede de iluminación do viario municipal grazas a varias achegas do Plan Concellos concedidas pola Deputación de Pontevedra, cun investimento total de preto de 200.000 euros. O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez e a deputada Noemí Outeda visitaron hoxe estas actuacións, xa rematadas, xunto á alcaldesa Fátima Abal e o concelleiro de Obras, Samuel Lago.
O percorrido comezou na Biblioteca Municipal Luís Rei, onde os traballos realizados consistiron na reparación da cuberta, co fin de acabar coas filtracións de auga. O proxecto incluíu tamén a realización dunha serie de obras menores, para resolver outros problemas de humidades interiores e que incluíron a substitución da iluminación da planta superior e os falsos teitos, así como a carpintaría interior. Nesta obra investiuse un orzamento de máis de 40.000 euros.
O investimento de maior contía foi para a renovación da iluminación do viario municipal nunha decena de zonas do concello, coa substitución ou instalación de novos puntos de luz. Estes traballos, aos que se destinaron preto de 95.000 euros, permitiron, ademais de mellorar a iluminación, unha maior eficiencia enerxética.
Por último, comprobouse o resultado da reforma Centro Sociocultural A Merced, na que se investiron máis de 40.000 euros. A obra dotou dun completo sistema de calefacción a este inmoble, que na actualidade serve de sede ao posto da Garda Civil mentres se aborda a construción das súas novas instalacións. Coa nova actuación, completouse coa dotación de radiadores, bombas e demais a todo o edificio. Tamén se aplicou unha nova capa de pintura na fachada exterior e reparáronse humidades superficiais.
Como destacou o deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, este tipo de obras "melloran a calidade de vida da veciñanza de Cambados". "O Plan Concellos permite neste caso tres actuacións ben diferentes e todas necesarias, decididas polo Concello, que coñece ben o que precisa o seu municipio", destacou. Santos Héctor fixo un chamamento á Xunta de Galicia, para que invista tamén en Cambados. "Porque o merece e os veciños e veciñas non son nin mais nin menos que outros doutros municipios". "Nós con estas actuacións e xunto con outras que vimos desenvolvendo estamos a cumprir con Cambados". O Plan Concellos, continuou, permite facer obras que deciden as propias corporacións e o papel da Deputación é de ser garantes duns servizos de calidade, achegando os fondos necesarios para como neste caso as cousas funcionen e tamén se adapten aos novos tempos.
Pola súa banda, a alcaldesa Fátima Abal quixo agradecer á Deputación a existencia do Plan Concellos, "deste xeito de repartir equitativamente e proporcionalmente uns fondos para todos os municipios e que sexan os propios concellos os que determinen cales son as actuacións máis importantes que hai que facer en cada un". "É un modelo de reparto de fondos que pertencen a todos e a todas os pontevedreses e unha forma axeitada, transparente e clara, de dicir en que se empregan cada un deses euros –afirmou-. É certo que tódalas Administracións debían de seguir este modelo e a Xunta estamos a ver que sempre se conceden subvencións dunha maneira que entendemos que non é a máis equitativa e tampouco a máis transparente. Vemos que os concellos que casualmente somos doutra cor política nos quedamos fóra deste tipo de actuacións. Eu creo que este modelo da Deputación é o que todas as administracións deberían seguir".
Abal destacou que cada ano Cambados recibe da Liña 1 de Investimentos do Plan en torno a 600.000 euros e que amais das obras visitadas hoxe hai moitas máis en marcha. "Obras moi importantes, que ao mellor en contía económica non son tan altas, pero inclúen actuacións en sumidoiros, asfaltados e pequenas reparacións en edificios e instalacións municipais. Hai que agradecer este modelo porque para os concellos pequenos e nestes tempos de pandemia e Covid onde todo son gastos, que se poidan facer estas obras e acometidas nestas zonas tanto parroquiais como urbanas é algo moi importante".

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.