TELÉFONOS DE INTERESE

17 de noviembre de 2020

O CAMBADÉS CARLOS LOSADA GALIÑÁNS PREMIADO POLA XUNTA


Carme Varela obtivo coa súa obra As desterradas o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais na edición do seu vixésimo quinto aniversario. O xurado dos galardóns literarios que a Xunta convoca bienalmente a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) outorgou tamén o XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades para adultos e para rapaces a Esther F. Carrodeguas por República Sideral e a Carlos Losada Galiñáns por Pois eu!, respectivamente. O XI Manuel María de literatura dramática infantil foi declarado deserto.

Para celebrar esta vixésima quinta edición do que é o galardón literario máis lonxevo de todos os do seu ámbito en Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade incrementou ata os 8000 euros a dotación económica para a obra gañadora do Álvaro Cunqueiro, mentes que os outros dous galardoados recibirán 6000 euros en cada caso. Ademais, estes certames comparten o obxectivo de estimular a creación literaria para teatro en galego e contribuír á súa maior proxección social, de xeito que as bases contemplan tamén a posibilidade de que as obras sexan publicadas dentro das coleccións literarias que a Xunta mantén xunto con varias editoriais galegas. 

Na súa modalidade para público adulto, o XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques recaeu en Esther F. Carrodeguas por República Sideral, unha “farsa esperpéntica” que tamén ten unha inspiración histórica. Neste caso, a autora parte dun episodio pouco coñecido da historia de Galicia, como foi a declaración da República Federal Independente da Illa de Arousa durante unhas horas entre o 7 e o 8 de outubro de 1934, e bota man do denostado teatro da cachaporra para propoñer unha reflexión sobre o absurdo da condición humana, a guerra, os enfrontamentos ideolóxicos e as mortes gratuítas.

Pola súa banda, o autor e director teatral Carlos Losada Galiñáns (Cambados, 1966) volve conseguir un dos premios literarios da Agadic, tras ser o gañador en 2008 do Manuel María de literatura dramática infantil por Game Over. Desta volta, obtivo o Barriga Verde na modalidade para rapaces co texto Pois eu!, unha proposta metateatral, da que o ditame subliña a calidade da escrita dramática.

Segundo o xurado, a obra artella diferentes tramas que, con gran sentido rítmico, remiten desde o fantástico nos ecos da tradición artúrica, ata unha sutil sátira política. Ademais, inclúe o tema da identidade de xénero, fuxindo de didactismos e integrándoo no conflito de maneira transversal.

Carlos Losada Galiñáns foi tamén gañador do premio Abrente da MIT de Ribadavia en 2008 con Augusta, ademais de ter publicadas as obras teatrais Fume, xunto a Rubén Ruibal, e Ironías, pola que foi finalista do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico convocado pola Radio Galega e o Centro Dramático Galego.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.