
É oficial: non queda ningún paciente positivo por coronavirus nas UCI galegas. Polo menos por agora. Así o constatou este mércores a Consellería de Sanidade, polo que Galicia queda coa UCI baleira de Covid-19 desde o sábado 7 de marzo, cando un paciente pasaba á UCI no Álvaro Cunqueiro de Vigo. Sanidade detallou por outra banda que só dez persoas están a ser tratadas nos propios hospitais, mentres que o resto dos contaxiados activos, 466, reciben asistencia telemática desde os seus domicilios.
O total de enfermos neste momento sitúase, por tanto, en 476. Deles, 101 concéntranse na área sanitaria da Coruña, 31 na de Lugo, 34 na de Ourense, 11 na de Pontevedra, 189 na de Vigo, 97 na de Santiago e 13 na de Ferrol.
As altas rexistradas ata o de agora suman xa as 10.338, mentres que os falecementos seguen estancados por sétimo día consecutivo en 618.
Nas residencias, só 17 usuarios e 14 empregados padecen nestes momentos a infección, un dato que tamén continúa reducíndose respecto a días anteriores.
En Pontevedra e O Salnés o número de casos descendeu a 11, unha baixada de dous casos con respecto aos números de onte martes, debido as tres altas epidemiolóxicas e só un novo contaxio na nosa área sanitaria.
Todos os casos activos evolucionan nos seus domicilios, polo que os hospitais da comarca mantéñense sen pacientes positivos de coronavirus ingresados nas súas instalacións.
Desde o inicio da pandemia curáronse 888 pacientes en Pontevedra e O Salnés e faleceron 16 pacientes afectados de coronavirus.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.