CEIP plurilingüe de Meaño-As Covas recibe o recoñecemento de Unicef como centro referente en educación en dereitos de infancia e cidadanía global
Trátase do único colexio galego nesta rede de 109 centros en toda España
Hoxe tivo lugar o acto de recoñecemento ao CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas como Centro Referente en Educación en Dereitos de Infancia e Cidadanía Global, outorgado por UNICEF. Este é o primeiro colexio galego nesta rede, do total de 109 centros recoñecidos en toda España. No acto participaron a presidenta de UNICEF Galicia, Myriam Garabito; a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, o director do centro, Paulo Nogueira, e alumnado do CEIP.

Carmen Pomar quixo agradecer o traballo de toda a comunidade educativa deste centro, que fai del un referente. Non en balde, ademais de ser plurilingüe, o colexio meañés participa no Plan Proxecta, no proxecto E-Dixgal e no programa piloto Bibliotecas Lía.2, a través do que este espazo se converte nun laboratorio de aprendizaxes. “Parabéns e moitísimas grazas polo voso traballo, que pon de manifesto que o ensino público de calidade no rural é unha realidade en Galicia”, dixo.
Colaboración con UNICEF
A Consellería de Educación mantén un convenio de colaboración con UNICEF para o desenvolvemento de accións conxuntas no eido educativo a prol da promoción e a difusión dos dereitos de infancia e cidadanía global. A través del facilítase o acceso dos centros de ensino aos recursos educativos e metodoloxía de autoavaliación en Educación en Dereitos de Infancia dispoñible na web de UNICEF Comité Español.
Ademais, UNICEF pon a disposición dos centros educativos os materiais de autoavaliación institucional sobre dereitos de infancia e cidadanía global e lanza cada curso unha convocatoria para recoñecer centros de ensino como referentes en Educación en Dereitos de Infancia, convocatoria dentro da que foi recoñecido o CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.