A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 1.832, deles 438 son da área da Coruña, 128 da de Lugo, 231 da de Ourense, 222 da de Pontevedra, 462 da área de Vigo, 302 da de Santiago, e 49 da de Ferrol. Sumando as altas e falecementos chega a cifra a 1915 nestes intres.
Do total de pacientes positivos, 86 permanecen en UCI, 499 están en unidades de hospitalización e 1.247 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 47 altas de pacientes e 36 falecementos. Os últimos falecementos corresponden a catro varóns: un deles de 63 anos que estaba ingresado no Hospital Universitario de Ourense; ademais doutro home de 74 anos ingresado no Hospital de Montecelo; outro de 87 anos que estaba ingresado no Hospital A Rosaleda en Santiago; e outro home, tamén de 87 anos que estaba ingresado en Ferrol. Os catro tiñan patoloxías previas.
A ferramenta informática desenvolvida polos físicos da Universidade de Vigo non augura boas previsións. Segundo as súas estimacións coñecidas onte, hoxe Galicia podería superar a cifra de 2.200 contaxiados (entre positivos, falecidos e altas) e en España poderíase cruzar o limiar dos 65.000 enfermos. Os cálculos dos físicos aseguran ter unha precisión do 95%, e o certo é que se pecaron de algo foi de optimistas, porque os datos oficiais do Ministerio de Sanidade superáronos sempre lixeiramente.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.