A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional executará este verán un total de 22 obras de rehabilitación integral en centros de ensino das catro provincias galegas ao abeiro dos fondos de superávit, por un importe total de 21,4 millóns de euros. Así o sinalou o secretario xeral técnico, Jesús Oitavén, nunha comparecencia no Parlamento de Galicia na que explicou que isto será posible grazas a que o seu departamento encargou os proxectos destas intervencións no mes de decembro de 2018. Ademais, dado que a execución das obras é necesario o outorgamento das licencias municipais, “os proxectos foron todos remitidos na segunda quincena de abril aos concellos, polo que estimamos que haberá tempo suficiente”, indicou.
En Cambados investiranse 1.123.204,75 no IES Ramón Cabanillas.
Jesús Oitavén destacou que a plataforma de Contratos de Galicia publica hoxe mesmo a licitación das devanditas 22 rehabilitacións, o que permitirá adxudicar as obras a finais de xuño e comezalas a mediados do mes de xullo, sempre e cando se outorguen as pertinentes licenzas municipais. Deste xeito, a meirande parte das obras de maior impacto e incomodidade poderían quedar rematadas no comezo do curso, de tal xeito que as restantes obras interfiran o menos posible na actividade lectiva.
Respecto dos centros escollidos para a realización das obras, o secretario xeral técnico sinalou que se actuou con criterios exclusivamente técnicos: “a antigüidade dos centros (construídos entre 1970 e 1985), o grao de necesidade das intervencións apreciada polas unidades técnicas provinciais e o número de alumnas e alumnos” (superior a 150, agás no caso da Fonsagrada e Cervo).
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.