TELÉFONOS DE INTERESE

14 de febrero de 2019

CATRO CENTROS EDUCATIVOS DO SALNÉS PARTICPAN NO CERTAME PROVINCIAL DE REGUEIFA



Consta de obradoiros didácticos nos centros educativos impartidos pola Asociación Oral e dunha exhibición final que terá lugar o Día Mundial da Narración Oral.

Regueifeiros da Asociación Oral de Galiza comezan hoxe a impartir os obradoiros didácticos en centros educativos no marco do certame provincial de regueifas que promove o departamento provincial de Cultura e Lingua. Esta iniciativa, que forma parte da programación cultural ao abeiro do Ano da Música, arranca na súa primeira edición con 40 centros educativos da provincia inscritos. "Promover actividades para a mocidade que poñan en valor a lingua é primordial a día de hoxe, observando os propios comportamentos deste segmento e tendo uns antecedentes en cidades como Vigo ou comarcas como o Morrazo nas que xa se constatou o éxito de iniciativas similares" asegura Xosé Leal a respecto desta iniciativa. O deputado nacionalista asegura que "estendendo este certame a toda a provincia faremos que o medre da regueifa ademais de servir para recuperar unha tradición propia sirva tamén para potenciar as habilidades comunicativas en lingua galega".
Os obradoiros están dirixidos a alumnado de secundaria e terán lugar entre hoxe, 14 de febreiro e o 8 de marzo –impartiranse dous obradoiros por centro-, e o certame conta cunha exhibición final que coincidirá co Día Mundial da Narración Oral, o 20 de marzo, e que terá lugar no Auditorio do CVC de Valadares, en Vigo. O obxectivo destas sesións é o de traballar co alumnado as capacidades de improvisación a través da metodoloxía para a controversia tradicional en verso, un antecedente de manifestacións musicais actuais como é o rap. Así, trabállanse aspectos relacionados con conceptos poéticos, como son a rima, o ritmo ou a métrica,  introducindo a perspectiva respectuosa e igualitaria, mais tamén a retranca e o sentido do humor, así como a tradición e cultura oral galegas. Hai que lembrar que a Asociación Oral de Galiza e a Deputación de Pontevedra teñen impulsado dous volumes teóricos sobre a disciplina da regueifa, como foron ‘Repente galego' e ‘Metodoloxía da regueifa', ambos moi demandados tanto a nivel de público como de organizacións e profesionais docentes que están a traballar a prol da recuperación desta fórmula de narración oral.
Centros educativos participantes
Os centros educativos que están a participar neste certame son o Colexio Sagrada Familia Aldán, o CP Casa de la Virgen, os CPR Compañía de María e Eduardo Pondal, e os IES Rodeira, María Soliño, e Monte Carrasco, todos de Cangas; os IES Paralia e As Barxas, de Moaña; e os IES Illa de Ons e Johan Carballeira, de Bueu. Os IES Castelao, Politécnico, Rosais 2, ROU, Beade, San Tomé Freixeiro, Alexandre Bóveda, e os CPR Quiñones de León e María Inmaculada Carmelitas, todos de Vigo. O IES Ribeira de Louro, do Porriño; os IES Pedro Floriani e Chapela, ambos de Redondela; o CPI Cova Terreña, de Baiona; e o IES Terra de Turonio, de Gondomar. Os IES Barral e Pedra da Auga, ambos de Ponteareas; e o IES San Paio e o CPR Seminario Menor San Pelayo, ambos de Tui. O CPI O Toural, de Vilaboa; o IES de Ponte Caldelas; os IES Francisco Asorey e Ramón Cabanillas, ambos de Cambados; o IES Faro das Lúas, de Vilanova de Arousa; e o CPR Abrente, de Sanxenxo. O CPI Aurelio Marcelino, de Cuntis; o IES de Valga; o IES Aquis Celenis, de Caldas; o IES García Barros, de A Estrada; e o IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.