A Deputación deixa a súa pegada en Fitur "tocando o máis fondo dos sentimentos para invitar a coñecer o inmenso patrimonio da provincia"
A presidenta Carmela Silva presentou ""Somos Historias", a emotiva curtametraxe na que a figura de María Vinyals pon en valor todo o patrimonio cultural e natural da provincia.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada dos deputados e deputadas provinciais e os alcaldes e alcaldesas de todas as comarcas da provincia de Pontevedra, presentou esta mañá no Pavillón 9 de Fitur a acción promocional do destino Pontevedra provincia "Somos Historias". Ante un auditorio, un ano máis, repleto de xente, Silva, acompañada de Patricia Torres, a actriz protagonista da curta promocional, e o historiador provincial Diego Piay, deron a coñecer o papel decisivo de María Vinyals nesta campaña para coñecer ao través da súa figura o patrimonio histórico e natural da provincia de Pontevedra.
"Somos Historias" é unha curtametraxe que ten como fío condutor a coñecida como a "Marquesa Roxa" e precursora do activismo en defensa das mulleres, María Vinyals, que da nome ademais a Escola de Igualdade da Deputación, para amosar toda a riqueza patrimonial do destino Rías Baixas, "un lugar que é o verdadeiro paraíso", tal e como asegurou Carmela Silva. A curtametraxe, desde a emoción, amosa como unha muller xoven e moderna descubre no Museo de Pontevedra unha imaxe de María Vinyals e, a partir dela, comeza a interesarse por esta figura feminina e pola provincia de Pontevedra, ata o punto de chegar a identificarse totalmente coa Marquesa nada no Castelo de Soutomaior. A partir de ese paraxe, a curtametraxe pon en valor significados elementos do patrimonio da provincia de Pontevedra con localizacións en todas as comarcas como O Deza, Tabeirós, Salnés, Caldas, Baixo Miño, Vigo, O Morrazo, Pontevedra ou O Condado.
A presidenta da Deputación de Pontevedra explicou que se seleccionou a figura de María Vinyals porque "os territorios se constrúen por aquilo que aportan as persoas. A natureza nos situou nun lugar marabilloso, cun patrimonio envexable, cun lugar que cheira a terra mollada, pero, sobre todo, un lugar cheo de persoas incribles como María Vinyals. Por iso estamos traballando para que as nosas historias segan vivas e compartilas con todas e todos os visitantes". Carmela Silva destacou o importante papel desenvolvido por María Vinyals, "unha muller de grande capacidade e cultura, que falaba cinco idiomas e viaxaba por todo o mundo ata o punto que sempre que regresaba ao Castelo aseguraba que non había nada no mundo como a provincia de Pontevedra". A presidenta tamén fixo fincapé en que "pese a situarse ao nivel de Clara Campoamor era unha grande descoñecida, da que cada día estamos a descubrir novas". Así, Silva informou que "hai dous días fomos recoller a Guimaraes, en Portugal, un caderno que custodiaba unha filla de Lluria, o segundo marido de María Vinyals, con impresións das persoas que visitaban o castelo de Soutomaior e, onte mesmo nunha librería, descubrimos un exemplar do libro "Rebelión", escrito por María, do que ata este momento pensábamos que soamente había un exemplar na Biblioteca Nacional". Ao respecto, o historiador Diego Piay desvelou que "tamén onte nos chegaban informacións desde Londres da familia de María Vinyals, con datos que ata ese mesmo momento eran descoñecidos".
Piay enxalzou o papel cultivado da Marquesa de Ayerbe, "autora dunha investigación rigorosa do Castelo de Soutomaior que aínda hoxe están a empregar os historiadores e historiadoras que estudan o recinto". De feito, e de xeito anecdótico, o historiador remarcou que "sempre hai lendas de pantasmas vencelladas a castelos pero descoñecíanse algunha ligada a Soutomaior ata que, investigando, se descubriu que tamén María Vinyals recolleu nos seus escritos historias sobre o pantasma do castelo".
Arredor da figura de María Vinyals, "da que non sabemos nin onde nin como morreu", segundo informou Piay, configurouse esta acción promocional que pon en valor a riqueza patrimonial e histórica do castelo de Soutomaior no que viviron grandes personaxes históricos. Ao respecto, o historiador da Deputación recordou a Pedro Madruga, "un nobre galego moi poderoso e cheo de misterio" e do que Silva engadiu que "mesmo hai teorías que subliñan que era Cristóbal Colón". Tamén se recordou ao Marqués de la Vega de Armijo, tío de María Vinyals, "un político fundamental de finais do século XIX que ao converter ao castelo na súa residencia de verán converteuno tamén nun espazo polo que pasaron políticos e personaxes de todo o mundo fundamentais na historia de finais do século XIX", destacou Piay.
O Castelo de Soutomaior tamén permitiu poñer en valor as camelias das Rías Baixas xa que "ten un xardín espectacular no que as camelias son as raíñas", remarcou a presidenta da Deputación de Pontevedra. Neste eido, as persoas que presenciaron a acción promocional da institución provincial recibiron unhas caixas elaboradas por centros educativos da provincia de Pontevedra con nubes e galletas de camelia: "pechen os ollos, abran as galletas e pensen no castelo de Soutomaior, desfruten e soñen coa provincia de Pontevedra", convidou Silva ás persoas asistentes, ás que tamén avanzou que a esperada musealización do Castelo será inaugurada no próximo mes de abril.
Xunto á camelia, tamén houbo tempo de recordar a riqueza patrimonial da provincia de Pontevedra. Ao respecto, a presidenta provincial destacou que "neste ano 2018, Ano Europeo do Patrimonio, imos centrar a nosa campaña en este aspecto porque a nosa cultura nos permite amosar un destino multiexperiencial, algo que marca o Plan Estratéxico de Turismo que aprobamos o pasado decembro e imos a implantar ata o 2020".
"Somos Historias", a acción promocional presentada esta mañá en FITUR, é, en palabras da presidenta da Deputación de Pontevedra "unha aposta para que as nosas historias segan vivas e para compartilas con todas e todos os visitantes. En Pontevedra provincia "Somos historias", estou convencida de que se van namorar delas e as van facer súas xa que cando nos visiten non poderán esquecer a nosa gastronomía, cultura, patrimonio, lendas, atardeceres e amenceres -os máis fermosos do mundo-, o cheiro a terra mollada, os viñedos, a pedra e a auga, fervenzas, mar e ríos, petróglifos, castros e sobre todo a nosa vitalidade, hospitalidade e ese humor que nos caracteriza, que xa lles gustaría ter aos británicos. Por iso veñan e vivan as s historias con nós porque, como dicía María Vinyals, nada existe no mundo comparable á provincia de Pontevedra, xardín de España, verxel de Galicia".
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.